Maruja Mallo e a xeometría do signo

O sábado 1 de abril, cun aforo xa completo semanas antes, celebrouse unha nova sesión de Nexos, comisariada e presentada polo noso compañeiro Marcos Lorenzo, e dedicada a Maruja Mallo. Coincidindo co Día das Artes Galegas, este ano dedicado a Maruja Mallo (Viveiro, 1902; Madrid, 1995) achegámonos á artista galega máis destacada do último século, a única a quen Ortega y Gasset organizou unha exposición na sede de Revista de Occidente. Das contadas pintoras da vangarda a quen André Breton e o Museo Nacional de Arte Moderno de Francia lle compraron obra na década dos trinta. Daquelas pioneiras que racharon os teitos de cristal para afirmar á nova muller, dona de seu. Unha artista cun proxecto creativo persoal e recoñecible, con independencia de que a asocien ao surrealismo, ao futurismo ou mesmo se lle sinale como precursora do pop art. Tras 25 anos no exilio e outros tantos de relativo anonimato, foille concedida a Medalla de Ouro ao Mérito nas Belas Artes (1982) e a Medalla de Galicia (1992).

O primeiro relatorio correu a cargo de Carme Vidal. Ensaísta, Licenciada en Filosofía e en Xornalismo, é autora da biografía Maruxa Mallo (1999) que inaugurou xunto con María Casares a colección Mulleres de A Nosa Terra. Membro da Comisión de Igualdade do Consello da Cultura Galega e colaboradora do Álbum de Mulleres, ten desenvolvido un inxente labor investigador e divulgativo a prol da recuperación da memoria de mulleres como Syra Alonso, Mercedes Núñez ou María Luz Morales, entre outras.

O segundo relatorio veu da man de Carlos Bernárdez. Ensaísta, crítico de arte e crítico literario, Licenciado en Xeografía e Historia, sección Historia da Arte, e profesor de Lingua e Literatura Galega. Autor prolífico, ten publicados numerosos libros monográficos sobre persoeiros das nosas letras como Manuel Antonio, Blanco Amor ou Dieste, e das nosas artes como Seoane, Colmeiro ou a propia Maruja Mallo (Maruja Mallo: a pintura da nova muller, 2010, Nigra).

A continuación dos relatorioa, o espectáculo poético-musical Longa e profunda liña da sorte, de Belén Bermejo e Pablo Seoane, creado para o Ciclo Nexos, achegounos musicalmente a unha selección de textos de Maruja Mallo, trazando a semblanza da pintora.

A sesión rematou cun aperitivo, por cortesía de Pan do Mar, de Conservas Pérez Lafuente, e Bodegas Martín Códax.

Podes acceder a toda a programación de Nexos, da Cidade da Cultura, aquí.
Podes ter unha idea do que vivimos, accedendo ao albume de fotos da sesión aquí

Publicacións similares