Do 26 ao 28 de maio os coordinadores do Curso de Experto Universitario en Xestión Cultural organizamos unha viaxe con alumnado e colegas de profesión á Rexión Centro de Portugal, para coñecer de primeira man as mellores prácticas en xestión cultural e os seus profesionais de referencia.
A primeira parada foi en Santa Maria da Feira, onde tivemos a oportunidade de vivir a experiencia do Imaginarius, o maior festival de teatro de rúa de Portugal. Ademais de poder asistir aos espectáculos, o director do festival e o concelleiro de cultura do municipio explicáronnos a súa xénese e desenvolvemento, así como as súas claves de funcionamento.
Posteriormente en Tondela tivemos un encontro cos promotores da ACERT (Associação Cultural e Recreativa de Tondela), quizás o proxecto ibérico máis ambicioso en canto ao papel das artes escénicas no desenvolvemento local.
Xa en Viseu, celebramos unha mesa redonda cunha selección das iniciativas culturais máis punteiras das bisbarra, a saber: Jardins Efémeros, NACO de Oliverinha, Associação Cultural Zunzum e Cine Clube de Viseu, entre outras.
A viaxe combinou unha dimensión didáctica e profesional con outra lúdica, de convivencia e amizade cos nosos colegas do sur.
Unha boa mostra foi tamén o programa e a experiencia de 2016, cando visitamos Guimarães, São João da Madeira e Porto, na Rexión Norte de Portugal.
Durante toda a viaxe, acompañounos o hashtag #XestiónCultural en Twitter e en Facebook.
A crónica completa da viaxe xa está dispoñible aquí.