Nova xuntanza #ONosoConta

Campo Lameiro e outras boas prácticas de turismo cultural

O pasado sábado, 25 de marzo, celebramos no local de Doutroxeito Coworking (Santiago de Compostela) a segunda xuntanza do grupo de turismo cultural #ONosoConta. O encontro consistiu nun programa dobre: por unha parte unha exposición a cargo de César Abella sobre a evolución recente e o modelo turístico e de xestión do Parque Arqueolóxico da Arte Rupestre de Campo Lameiro, e por outra unha dinámica informal de intercambio de información en canto a boas prácticas en turismo cultural, particularmente aquelas nas que o relato ten un peso determinante.

César Abella é historiador da arte, mestrado en xestión de bens culturais e patrimonio cultural pola UdC e posgrao en turismo cultural pola UB. Desde 2004 dirixe a empresa TRIVIUM (estratexias en cultura e turismo), coa que ten desenvolto máis de 150 proxectos. Así mesmo é titor e docente no Posgrao de Territorios Creativos e Turismo da UB. Desde 2015 é coordinador xeral do PAAR Campo Lameiro, motivo polo cal o convidamos a compartir connosco a súa experiencia.

Campo Lameiro é unha das 3 ou 4 áreas con maior concentración de petróglifos de toda Europa. O Parque foi creado para pór en valor ese patrimonio, abrangue unha superficie de 22 hectáreas e inclúe un Centro de Interpretación (con espazo de investigación, cafetería/restaurante, tenda e seminario de formación), un poboado deseñado seguindo as indicacións dunha equipa de arqueólog*s e obviamente os sendeiros que conducen aos petróglifos, debidamente acondicionados para que reproduzan a vexetación e paisaxe na que viviron os nosos antergos.

Desde a súa chegada, César Abella definiu como prioridades da súa xestión: reforzar a vinculación coa comunidade local e o sector privado da zona (empresas mecenas, empresas produtoras de mel e xabón, casas de turismo rural, hoteis, balnearios, restaurantes…), ofertar actividades para escolares, definir outros públicos obxectivos para poder perfilar paquetes de visitas personalizados, e habilitar espazos de encontro e formación para a comunidade científica. A partir de entón, tense intensificado o número de visitas guiadas, talleres, cursos e xornadas científicas, cunha boa acollida dos públicos e unha valoración, en termos xerais, moi satisfactoria.

Un dos paquetes máis singulares que ofrece o PAAR e cunha maior dimensión experiencial, é o “Noite de Pedras”, no que se lle ofrece aos visitantes un percorrido nocturno polos petróglifos, acompañado dunha cea e dun concerto musical. Outra proposta imaxinativa é a realización de visitas ao Parque con mascotas, da man da empresa Perriturismo.

O PAAR Campo Lameiro forma parte da Rede Galega do Patrimonio Arqueolóxico, do Programa de Itinerarios Culturais Europeos (outorgado polo Consello de Europa) e da rede europea CAR (Camiños da Arte Rupestre), o que facilita a súa colaboración con socios europeos.

 

 

Logo dun breve descanso, iniciamos un diálogo informal entre todos os presentes no que se foron apuntando algunhas boas prácticas en turismo cultural. En concreto, puidemos recoller as seguintes:

Título Descrición Enlace
DO MAR Á TERRA Proxecto en Vimianzo que unía o castelo, o castro e a gastronomía, para elaborar un receitario de “arqueogastronomía”, ofrecido polos restaurantes locais, con menús medievais e castrexos, e con louza especial feita en Buño. Unha boa idea que non tivo continuidade. http://domaraterra.com/portada.php
CAMIÑO DOS FAROS Un roteiro guiado e a pé pola contorna litoral da Costa da Morte, percorrendo diversos faros. Relato on-line moi ben artellado. A partir desta experiencia está a xurdir unha similar na Mariña de Lugo. http://www.caminodosfaros.com
CABAÑITAS DEL BOSQUE Proxecto de turismo rural baseado en cabanas integradas nun bosque e deseñadas a partir de arquitectura modular. Grande éxito de ocupación. Transmite valores de respecto pola natureza e de integración na cultura local, en colaboración coa comunidade. http://cabanitasdelbosque.com/
MUSEO ETNOGRÁFICO DA CAPELA Rede de museos que configuran unha ruta eco-etnográfica para acadar un coñecemento a fondo da historia local. Xurdiu dunha experiencia sociopedagóxica desenvolvida desde 1981 no colexio coa participación  de pais, mestres, veciños e principalmente dos nenos e nenas. http://www.museodacapela.org/
RIBADEO INDIANO Festa nacida da iniciativa popular na que se recrea o ambiente da vila a principios do século XX. Inclúe paseos, proxeccións de cine, coloquios, animación teatral, concertos, mercado de produtos de ultramar, talleres de salsa cubana, exposición de coches antigos… http://indiano.ribadeo.org/
GEO-PASEO: “Date una vuelta de 600 millones de años” Iniciativa da “Asociación Geología de Segovia” pola cal se organizan paseos de carácter divulgativo e didáctico que combinan o rigor científico cun discurso ameno e divertido. http://www.geologiadesegovia.info/este-domingo-geo-pasea/
CASTAÑÁM Proxecto empresarial da bisbarra de Riós no que se comercializan alimentos  derivados da castaña (empanadas, embutidos, pan). Ademais da venta de produtos, organizan a “Ruta do Talento”, un paseo entre castiñeiros centenarios bautizados co nome de persoeiros da cultura. Para Castañám, “as castañeiras son as mariscadoras do rural galego”. http://castanam.com/
THE WORST TOURS Empresa do Porto creada por tres arquitectos/as que ofrecen visitas guiadas (ás veces improvisadas) por recunchos descoñecidos e por barrios degradados da cidade, mentres explican os procesos especulativos e as loitas sociais que sustentan a historia do urbanismo portuense. Practican o “debate ambulante”. Atención da prensa mundial. http://theworsttours.weebly.com

http://p3.publico.pt/vicios/em-transito/21894/worst-tours-mudar-um-quiosque-como-quem-muda-o-mundo

MUSEUM OF BROKEN RELATIONSHIPS Localizado na cidade da Zagreb (Croacia), é un museo especializado en obxectos relacionados con rupturas amorosas. Calquera persoa pode enviar o seu obxecto cunha pequena carta explicativa do sentido do mesmo. Nacido en 2001, ten xa unha segunda sede en Los Ángeles (EEUU). https://brokenships.com/
VIAJAR POR ESCOCIA Empresa creada en Edimburgo por dous galegos (Vicente Figueroa e Jaime Imbernón) que destaca polo bo traballo de guión, combinando rigor histórico cunha estrutura narrativa emocionante. Notable repercusión nos medios. http://www.viajarporescocia.com/
FIZ DE COTOBELO Personaxe creado polo compañeiro Suso Martínez para conducir visitas guiadas teatralizadas a diversos emprazamentos da cidade da Coruña, como a Torre de Hércules ou o cemiterio de San Amaro. Enlace La Opinión

Enlace La Voz de Galicia

 

NO RUEGUEN A DIOS POR ÉL Visita guiada do compañeiro Manuel Gago a diversas localizacións de crimes históricos en Compostela. Enlace blog Manuel Gago

Enlace xornal Praza Pública

Enlace La Voz de Galicia

VARIAS REDES PROFESIONAIS DO TURISMO CULTURAL Para afondar noutras boas prácticas, deixamos indicados os enlaces a tres redes profesionais de turismo cultural e interpretación do patrimonio. Asociación para la Interpretación del Patrimonio

European Cultural Tourism Network

Rede Internacional de Turismo Creativo

A nosa vontade é que esta listaxe vaia medrando, nutríndose con novas achegas, de forma que dispoñamos dun sinxelo repositorio aberto onde atopar inspiración. Animámosvos a enviarnos novas propostas!

Graciñas ás compañeiras e compañeiros que asistiron (ou que o intentaron) a esta xuntanza tan proveitosa e enriquecedora.

Vémonos na seguinte.

MARCOS LORENZO

Comment (1):

  • Segunda xuntanza do grupo “O noso conta” | Xestión Cultural

    […] web de BenCuriosa pódese atopar máis información tanto desta actividade en concreto (xuntanza o noso conta) , como sobre a iniciativa en xeral e a razón de ser do GRUPO_O Noso […]

Subir