Marcos Lorenzo, membro da Sección de Lingua, Literatura e Comunicación do Consello da Cultura Galega
O pasado 27 de outubro o Consello da Cultura Galega designou ao noso compañeiro Marcos Lorenzo como membro da Sección de Lingua, Literatura e Comunicación. Son tamén membros desta Sección: Rosario Álvarez, Anxo Angueira, Manuel Bragado, Miguel Anxo Fernández, Víctor F. Freixanes, Carmen García, María Teresa López, Xosé López, Henrique Monteagudo, Alba Nogueira, Xosé Manuel Pereiro, Mercedes Queixas, e Dolores Vilavedra como coordinadora.
Na primeira das xuntanzas á que foi convocado, Marcos sinalou a necesidade de renovar e actualizar os formatos de divulgación do libro galego, de cara a lograr unha meirande acollida entre a cidadanía, e advertiu sobre as minúsculas cifras de exportacións de bens e servizos culturais desde Galicia, ao seu xuízo un síntoma do deficiente posicionamento da nosa cultura no exterior.