Esta imaxe é un mosaico composto polas capturas de varias sesións en liña celebradas no marcos dos Labs

Laboratorios de cultura dixital para conectar tecnoloxía, creatividade e asociacionismo

En BenCuriosa vimos explorando dende hai xa algún tempo unha liña de traballo centrada na creatividade dixital que se traduce en obradoiros, actividades divulgativas e, agora tamén, un proxecto que bota a andar co apoio económico da Deputación da Coruña, a través do seu programa de proxectos singulares de especial interese cultural.

Son os Laboratorios Itinerantes de Cultura Dixital, unha proposta que se desenvolverá en varios concellos da provincia da Coruña e co que queremos conectar a axentes creativos -vinculados ao ámbito dixital- con persoas relacionadas co tecido asociativo destes territorios.

Esta conexión materialízase en varios obradoiros nos que experimentar de maneira colaborativa con distintas posibilidades, técnicas ou ferramentas dixitais e aprender, de maneira práctica e sinxela, como enriquecer a comunicación, a divulgación ou as dinámicas comunitarias das asociacións dende a tecnoloxía.

Para iso, tecemos unha dobre rede: cos axentes locais (técnic*s de Cultura nalgúns casos e noutros persoas fortemente vinculadas ao asociacionismo) e con axentes creativos como Gingko, Illa Bufarda ou Merenda Creativa. Unha rede que se finalmente se estenderá nos concellos de Carral, Muros, Vimianzo, Cedeira, Valdoviño, Neda e Narón.

As persoas que participen nos obradoiros poderán achegarse de balde ás claves dos relatos interactivos, das multiplataformas, da creación audiovisual, da mediación dixital a través das redes, das narrativas dixitais para elaborar un discurso propio ou da contrapublicidade.

Os Laboratorios Itinerantes de Cultura Dixital pecharán as súas portas (virtuais, xa que dadas as actuais circunstancias deberán celebrarse en liña) a finais de marzo.

Queres saber máis? Entra na web do proxecto!

Subir