O CEU en Xestión Cultural leva a súa filosofía de aprender facendo tamén ao espazo dixital

O 2 de outubro comezaba na facultade de Ciencias Económicas e Empresariais a sexta edición do CEU en Xestión Cultural, o proxecto formativo que dende o 2014 promoven na USC os nosos compañeiros Sergio Lago e Marcos Lorenzo. Nesta ocasión con vinte e seis alumnas e alumnos e unha situación insólita a causa da covid que se traducía en máscaras, xel, fiestras abertas e ampla distancia social.

Logo desa primeira sesión -tan distinta á das cinco edicións anteriores- comezou a tecerse unha comunidade, unhas veces de maneira presencial e outras en liña. Formada, por unha banda, polo equipo de titor*s que integran Sergio Lago, Diego Parajó, Sonia Díaz, Diego V. Meizoso e Beatriz Fontán; por outra, o conxunto do equipo docente, que está a ser quen de manter o interese e a intensidade das sesións tanto na distancia da aula física como na da aula en liña; e, moi especialmente, o alumnado.

Eles e elas non só amosaron unha grande capacidade de adaptación á contorna dixital, senón que se converteron en cómplices dun proceso de cambios case constante, incorporando ferramentas e dinámicas dixitais á súa vida no Curso, incluído o traballo en equipo.

De aí, precisamente, xorden os seis anteproxectos culturais que veñen de presentar nunha sesión que, coma todos os anos, marca o peche do primeiro trismestre. Á volta do Nadal tocará facer evolucionar as súas estupendas propostas e convertilas en proxectos culturais!

De todo o que mentres tanto poidamos #aprenderfacendo e #aprendercompartindo no Curso tes información na súa web, á que podes acceder dende aquí.

Subir