Compostela recuperou o espíritu do banquete de Conxo

Os pasados 21 e 22 de abril de 2018 celebrouse en Santiago de Compostela a primeira edición da Festa do Banquete, un evento lúdico e reivindicativo no que se conmemorou o Banquete de Conxo (1856), un dos meirandes fitos da historia contemporánea de Galicia.

A Festa do Banquete tivo lugar nunha carballeira situada ás beiras do río Sar e asistiron unhas 3.000 persoas, constituíndo así un espectacular éxito de público. O evento contou coa participación activa da veciñanza de Conxo nas diferentes actividades teatrais, musicais e gastronómicas que se programaron. De feito foron veciñas e veciños quen se encargaron da redacción e lectura dos pregóns e os brindes de sobremesa.

A Festa do Banquete foi promovida polo Concello de Santiago e desenvolvida por cinco concellarías (Acción Cultural, Emprego, Comercio, Educación e Centros Cívicos) baixo a dirección artística e coordinación de contidos do noso compañeiro Marcos Lorenzo.

Entre os obxectivos desta programación estaban o fomento da cohesión social e do orgullo de pertenza do barrio de Conxo, a posta en marcha da festa histórica da que Santiago carecía e a divulgación do propio Banquete de Conxo como suceso pioneiro na defensa dos valores democráticos e predecesor do galeguismo. Dada a masiva afluencia de persoas, a Festa do Banquete acabou por se converter, ademais, na gran romaría popular da cidade.

Se queredes saber máis sobre o Banquete de Conxo deixámosvos aquí o enlace ao que contaron televisións, xornais e prensa dixital, entre outros medios, a propósito da festa e do seu significado.

 

Publicacións similares