Despois de oito meses intensos, as sesión programadas no marco do Curso de Experto Universitario en Xestión Cultural, que hai catro anos coordinan e desenvolven Sergio Lago e Marcos Lorenzo na facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da USC, chegaron ao seu fin.
O curso tivo, como é habitual, unha parte práctica, consistente na elaboración de proxectos culturais completos por equipos -sumado á posibilidade de prácticas en empresas colaboradoras- e unha parte teórica. Pero, ademais, o alumnado puido achegarse a institucións e coñecer varias realidades culturais cunha serie de sesións fóra das aulas que se desenvolveron baixo a fórmula de conversas abertas.
Estas sesións levaron ás trinta persoas que participaron nesta edición ao Auditorio de Galicia, nunha visita trala que tivo lugar unha conversa aberta sobre a historia das políticas culturais en Galicia; tamén ao Consello da Cultura Galega, onde, ademais de coñecer a institución, falouse da práctica artística e á Cidade da Cultura, onde, tras unha visita guiada, o alumnado puido achegarse ao ámbito da cultura dixital. Todo isto sen esquecernos dunha cita xa tradicional no curso, como é Culturgal, onde se falou de novos modelos empresarias no sector cultural.
Docentes do ámbito ibérico
O equipo de docentes desta edición estivo formado por case unha trintena de personas. Docentes de referencia procedentes doutras universidades do Estado, como Pau Rausell ou Alfons Martinell , e profesionais destacados en diferentes ámbitos da xestión cultural, como Jaume Colomer, Ana Lorenzo, Alberto García, Paulo Rodríguez, Ángel Sánchez, Xulio Cordeiro, Agar Ledo, Miguel Martín ou Beatriz Fontán.
Con novas incorporacións, como Jaron Rowan, Vítor Belho, Yolanda Castaño, Xavier Campos, Raúl Oliván, Uxío Novoneyra, Patricia Gabeiras ou Araceli Corbo e achegas de colegas portugueses como Carlos Martins ou Cristina Farinha.
O curso, impulsado por Marcos Lorenzo e Sergio Lago xunto aos resposables académicos da USC Isabel Neira e Gonzalo Rodríguez, contou nesta edición con outra novidade: a incorporación de dous titores adicionais (ademais dos propios Sergio e Marcos) para acompañar ao alumnado no proceso de construción dos proxectos culturais na titorización dos mesmos. Foron, nunha parte do programa formativo, Diego Parajó, e no restante, Sonia Díaz.
Se tedes interese no CEU en Xestión Cultural, que prepara xa a súa quinta edición, e queredes coñecer como foron as sesións deste ano e a experiencia do alumnado, deixámosvos aquí un enlace ao blog do curso .