Un ano máis, a viaxe profesional que organizamos para a comunidade do Curso de Experto Universitario en Xestión Cultural e colegas de profesión lévanos até Portugal. Será a primeira fin de semana de xuño con paradas en Braga, Porto e Viana do Castelo.
Na nosa estancia en Braga achegarémonos a iniciativas como GRNation ou Theatro-Circo , entre outras propostas, da man dos profesionais e colectivos implicados no seu desenvolvemento, que exporán nunha mesa redonda as boas prácticas culturais que se levan a cabo no norte do país. Xa en Porto, teremos ocasión de participar na décimo quinta edición de Serralves em Festa. Trátase do maior evento da cultura contemporánea en Portugal, e unha referencia tamén a nivel europeo, con 50 horas ininterrumpidas de actividades en distintos espazos da fundación Serralves e tamén en distintos lugares da cidade.
Sairemos de Compostela o venres 1 de xuño a primeira hora da tarde en dirección a Braga, onde estaremos ata o sábado. O día 2 seguiremos coa viaxe até Porto e estaremos de volta en Galicia o domingo día 3, tamén pola tarde. Aínda quedan algunhas prazas libres, dispoñibles para persoas relacionadas co ámbito cultural. Se este é o voso caso, e vos apetece sumarvos ao grupo, podedes facelo enviando un mail ao correo usc@xestioncultural.com, desde o que vos daremos as instruccións precisas para formalizar a reserva da vosa praza. Trataríase de 155€, no caso de optar por unha habitación compartida, e de 180€ no caso dunha individual. O prezo inclué o desprazamento, aloxamento con almorzo e acceso aos eventos programados na viaxe.
Polo momento, deixámosvos aquí a crónica da viaxe do ano pasado, que nos levou ás localidades portuguesas de Tondela, Viseu e Santa Maria da Feira.