Arquitectura. O espléndido legado da Escola do Porto
O sábado 13 de maio, celebrouse unha nova sesión de Nexos, comisariada e presentada polo noso compañeiro Marcos Lorenzo. De novo, con aforo completo días antes do acto e desta vez, os relatorios e a creación musical centráronse ao redor da escola de arquitectura do Porto.
Na década dos 40 do pasado século iniciou a súa andaina, da man de Fernando Távora, unha escola de arquitectura que asombraría ao mundo. Influenciada por valores modernistas emanados da Escola Superior de Belas Artes, a “Escola do Porto” sustentou as súas ensinanzas en varios alicerces: a atención e respecto ao contexto preexistente, a importancia do deseño, o gusto pola forma simple e depurada ou a concepción da arquitectura como arte figurativa. Un dos seus momentos culminantes foi o SAAL (1974-76), un proxecto de vivendas sociais no que participaron arquitectos, artistas e movementos veciñais. Así e todo, tamén as individualidades definiron á Escola e déronlle lustre internacional: en 1992 Álvaro Siza Vieira e en 2011 Eduardo Souto de Moura obtiveron o premio Pritzker, o máximo recoñecemento mundial da disciplina, contribuíndo así ao nacemento dun mito.
O relatorio da sesión, trala baixa por enfermidade de última hora do outro ponente previsto, o catedrático emérito da Universidade do Porto, Alexandre Alves, correu a cargo de Pedro Bandeira. Doutor en Arquitectura e profesor asociado da Escola de Arquitectura da Universidade do Miño. Representou a Portugal nas Bienais de Arquitectura de Venecia (2004) e Sao Paulo (2005). Galardoado co Premio SIM (promovido por Samsung) polo proxecto Cara Xirasol. Entre outros, publicou con André Tavares o libro Eduardo Souto de Moura: Atlas de Parede Imaxes de Método (2011, Dafne). En 2014 foi comisario da exposición Escola do Porto: Lado B / Unha historia oral (1968-1978).
A continuación presenciamos o espectáculo de luz e son: A muda. O director de escena Carlos Álvarez-Ossorio e Pablo Seoane presentaron A Muda, peza para música, espazo e luz, creada a partir da casa imposible de Álvaro Siza. Espectáculo creado para o ciclo Nexos.
Rematamos a sesión cun Aperitivo cultural. Cortesía de Pan do Mar, de Conservas Pérez Lafuente, e Bodegas Martín Códax.