Participamos no Foro da Innovación para o Emprego, en Santiago de Compostela

O noso compañeiro Marcos Lorenzo formou parte da Mesa redonda “Os Empregos emerxentes no entorno da economía circular – Sector Servizos e TIC”, xunto con:

  • Fundación Centro Tecnolóxico de Eficiencia e Sostenibilidade Enerxética, ENERGYLAB
  • Centro de Emprendemento Creativo. Cidade da Cultura. Berta Álvarez Buylla Falces.
  • Asociación de Empresas Galegas de Software Libre. Luis Alberto Fernández Marqués.

Esta mesa enmarcouse na programación do Foro da Innovación para o emprego, que tivo lugar no Pazo de Congresos e Exposicións de Santiago de Compostela, os xoves 11 e venres 12 de maio.
O obxectivo principal deste Foro era o de contribuír á dinamización do mercado de emprego, realizando accións de vinculación laboral directa e fomentando a xestión de novos postos de traballo, ao tempo de favorecer a mellora das competencias e cualificacións profesionais das persoas demandantes de emprego e informar sobre recursos e ferramentas útiles para a busca activa de traballo.

A mesa redonda na que participou Marcos Lorenzo foi un espazo para abordar os distintos desafíos que ten o mercado de traballo da Área Metropolitana no ámbito da Economía Circular. Con este encontro, no que participaron empresarios e persoal das diferentes administracións, pretendeuse reunir ideas para a innovación local e a creación dunha estratexia de emprego enfocada no fomento das actividades económicas e na consolidación dun mercado de traballo metropolitano, baseado nun modelo de Economía Circular. Todo isto baixo a seguridade de que os Concellos teñen un papel clave que desempeñar na creación e o apoio ás condicións axeitadas para a transición cara a Economía Circular, que levará á creación de máis e mellores postos de traballo para os seus cidadáns.

Dende a Comisión Europea proponse re-usar, reparar, reconstruír e reciclar os materiais e os produtos, eliminando o concepto de desperdicio e converténdoo en recursos valiosos, con elo pretende impulsar a transición de Europa cara a Economía Circular, como impulso á competitividade mundial, fomentando o crecemento económico sostible e a creación de novos postos de traballo.
Están emerxendo múltiples opción laborais baseadas no abandono do actual modelo produtivo centrado en producir, consumir e desbotar, para pasar a un modelo onde os produtos usados non se desperdician, senón que se re-utilizan e re-aproveitan na maior medida posible até esgotar a súa vida útil.
Nesta aposta, as Cidades teñen un papel clave que desempeñar para asegurar unha boa correspondencia entre a demanda, destes novos postos de traballo, centrados nas TIC, Reciclaxe de residuos, a protección do Medio ambiente, a agricultura, ou o comercio local, co fin de asegurar unha mellora da empregabilidade das persoas e a creación de novos postos de traballo para os nosos cidadáns.

Estas son as temáticas das actividades presentes no Foro:

  • Ofertas de emprego
  • Formación
  • A túa marca 
  • Puntos de orientación e asesoramento
  • Podes ser ti “Preséntate e convéncenos”
  • Presentacións de novas e innovadoras solucións para a busca de emprego
  • Concurso de “Ideas innovadoras para o emprego na Economía Circular” 
  • Xornadas “Os empregos emerxentes no entorno da Economía Circular”

Podes acceder a toda a información, aquí.

Publicacións similares