Por segundo ano consecutivo organizamos unha viaxe a Portugal para a comunidade do Curso de Experto en Xestión Cultural da USC, da que forman parte tanto alumnado como docentes e colegas de profesión, para coñecer as mellores prácticas do país irmán. Se en 2016 visitamos Guimarães, São João da Madeira e Porto, neste 2017 decidimos baixar un chisco máis ao sur. A nosa primeira idea era achegarnos a Tondela para afondar na emocionante experiencia da ACERT/Trigo Limpo. Pero resulta que, casualidades da vida, na fin de semana prevista para a viaxe (26 a 28 de maio) se celebraba en Santa Maria da Feira o Imaginarius, o maior festival de teatro de rúa de Portugal, que dirixe o noso admirado Bruno Costa. Non podiamos perder a oportunidade. A iso xuntouse unha oportuna conversa co dramaturgo e axitador Carlos Santiago, quen nos abriu os ollos sobre varias e moi interesantes iniciativas culturais en Viseu. E con eses tres elementos tecemos o programa dunha fin de semana inesquecible.
Chegamos a Santa Maria da Feira o venres, arredor das 20:30 horas. O fermoso pobo medieval, presidido por un castelo, estaba engalanado con numerosos espazos escénicos e recreativos, postos de comida, venta de artesanía, e en xeral todo aquilo que asociamos cun festival. O que faltaba, para a nosa estrañeza, era a xente. Uns intres despois nos decatamos de que estabamos a aterrar xusto en horario de ceas. Pouco despois as rúas, prazas e esplanadas xa estaban ateigadas.
Deambulando entre os diferentes espectáculos ficamos asombrados cunha peza de danza vertical, cos trucos dun mago de trapo, con danza contemporánea de extrema esixencia física e cun escenario voante, no que os actores e actrices danzaban pendurados dunha grúa xigante mentres se multiplicaban os efectos visuais. E todo iso baixo a atenta mirada, a uns metros de altura, dun dron que presumiblemente gravaba as escenas. Desde logo o Imaginarius non defraudou as nosas expectativas.
Á mañá seguinte, o director do festival, Bruno Costa, xunto con Gil Ferreira, concelleiro de cultura de Santa Maria da Feira, reservaron 90 minutos da súa abafante axenda para nos ofrecer unha explicación sobre a xénese, evolución, valores e claves de funcionamento do Imaginarius, así como do modelo de política cultural do municipio. Comezou a exposición Gil Ferreira poñéndonos en contexto. Santa Maria da Feira é un concello de 140.000 habitantes (a capital ten 18.000) que sustenta a súa economía na industria transformadora da cortiza (para botellas de viño e outros usos), na fabricación de calzado e na elaboración de papel. Esa estrutura económica de base industrial encádrase nun territorio con fondas raíces medievais, o das “Terras de Santa Maria”. A partir de ambos elementos xorden os dous grandes eventos culturais da vila, o Imaginarius e a “Viagem Medieval das Terras de Santa Maria”.
A proposta cultural da Cámara Municipal provén de dúas décadas atrás, como ferramenta para facilitar unha lectura do lugar para diferentes públicos. O investimento anual en cultura do Concello é de 4 millóns de euros, e está guiado por catro grandes obxectivos: o fomento dunha cultura accesible e inclusiva, a preservación e posta en valor do patrimonio cultural, o estímulo á economía creativa e á innovación, e o impulso ao diálogo intercultural. Pero quizás o factor diferencial da súa política cultural sexa a aposta pola mediación e a participación, implicando ao seu mesto tecido asociativo (máis de 400 asociacións) en calquera punto onde se localice, até na freguesía máis afastada. Outro elemento singular é o labor de internacionalización, canalizado a través de proxectos como o Circostrada (integrado no Imaginarius), o vínculo con Europeana (a biblioteca dixital europea) ou a Rede de Castros do Noroeste da Península. Así mesmo, destaca o seu traballo formativo, de capacitación dos axentes culturais e creativos.
Cando lle preguntamos polas claves desta aposta cultural de 20 anos, Gil Ferreira indicounos algo moi semellante ao expresado por José Bastos (concelleiro de cultura de Guimarães) un ano atrás: a continuidade da equipa de goberno. Santa Maria da Feira está gobernada desde os inicios da democracia polo PSD (centro – dereita), ao igual que Guimarães o está polo PS (centro – esquerda). Outro dos temas que tocamos foi a lacra da gratuidade na oferta cultural, práctica ao parecer tan estendida en Portugal como en Galicia, pero que pouco a pouco se está a desterrar.
Rematou a palestra o vereador e ficamos impresionados co grao de reflexión, profesionalidade e planificación da política cultural municipal.
Acto seguido, Bruno Costa detívose nalgúns aspectos da evolución recente do festival, para complementar o exposto por Gil Ferreira. Ao seu xuízo, o éxito do festival vén determinado polos cimentos postos en 2001, ano da súa creación. Daquela as compañías internacionais que actuaban no festival eran convidadas a ofrecer pequenos obradoiros á mocidade local, o que derivou no nacemento de novas compañías na bisbarra, logrando así que se xerase comunidade arredor das artes de rúa e do circo contemporáneo. Esa comunidade non deixou de medrar durante todos estes anos, afianzando unha base social sólida.
Bruno Costa é o codirector do festival desde hai catro anos. Nese período impulsáronse diversas ramificacións, como o Mais Imaginarius, a sección infantil, a Circostrada Network ou o seminario internacional Fresh Street, de tal forma que hoxe por hoxe o Imaginarius é máis ben un festival de festivais. O Mais Imaginarius é unha convocatoria a creadores emerxentes dotada cun premio. En 2017 concorreron 190 candidaturas de 38 países. Coa sección infantil procurouse fomentar a educación non formal dos cativos e cativas mediante talleres de curta duración. En 2016 un grupo de nenos de dez anos axudaron a deseñar a escenografía dunha compañía estranxeira. É o tipo de cruzamentos (neste caso entre crianzas e adultos) que se buscan. Pero a formación non se limita aos máis novos, senón que é unha das bandeiras do festival e abrangue aos públicos, aos axentes culturais locais e aos propios artistas.
Quen quixera ampliar información do festival, alén de visitar a súa web, pode ler a crónica da viaxe do Curso en 2016.
A seguinte parada da nosa excursión foi Tondela, onde puidemos conversar con Miguel Torres, responsable de proxectos da ACERT (Associação Cultural e Recreativa de Tondela) e Pompeu José, director artístico da compañía de teatro Trigo Limpo, colectivo matriz do proxecto da ACERT. Os dous foron excelentes anfitrións, organizándonos o xantar na sede da ACERT, ofrecéndonos unha visita guiada polas súas instalacións, mostrándonos un dos seus enxeños xigantes (o grande Polegar), regalándonos materiais que editaron nos últimos anos (libros, discos) e abríndose a un coloquio para responder ás nosas dúbidas ou afondar naquilo que máis turrou pola nosa curiosidade.
O proxecto da ACERT/Trigo Limpo naceu hai 40 anos, pouco despois da Revolução dos Cravos, cando un grupo de mozas e mozos vinculados ás artes escénicas e con inquietudes sociais e políticas decidiron crear un instrumento que puxese a cultura ao servizo da calidade de vida das persoas, desde a convición de que “non hai desenvolvemento sen cultura”. Por entón Tondela era un municipio sen industria, con apenas unha escola primaria e ningunha oferta cultural. A ACERT veu a atender esa carencia e hoxe conta con 3.800 socios, para un total de 28.000 habitantes en Tondela. A súa sede actual, a terceira na súa historia, foi unha cesión da Cámara Municipal e conta con tres auditorios, un deles ao aire libre, unha sala de exposición, un estudio de gravación, unha sala de ensaio, unha sala – museo de almacenamento do vestiario empregado nas súas obras, un bar con programación regular, un restaurante e unha tenda. As obras de rehabilitación e acondicionamento deste antigo colexio correron por conta da propia ACERT. Dezasete persoas traballan a tempo completo na asociación, dispoñendo dun orzamento aproximado de un millón de euros, do que a metade procede de axudas públicas e a outra metade de fondos propios, xerados pola explotación da súa actividade.
O activismo da ACERT/Trigo Limpo durante estas catro décadas, en íntima colaboración co tecido cultural e comunitario da bisbarra, en parcería con Universidades e outros axentes culturais do país, e en permanente cooperación e intercambio con outras entidades foráneas, teno convertido nun referente indiscutido na península ibérica e fóra dela. Poucos proxectos teñen contribuído máis ao desenvolvemento social do territorio desde o teatro e as artes escénicas. E é que, para os seus promotores, esta aposta non foi tanto unha vía de acceso a un emprego remunerado como un proxecto de vida.
Quizás o momento máis crítico da súa existencia fose cando se produciu o debate interno sobre a súa profesionalización. O debate foi zanxado positivamente, a cambio de redobrar a súa vocación comunitaria. A día de hoxe sinalan certas dificultades para conseguir relevo xeracional. Con moita probabilidade ese será un dos seus vindeiros desafíos. No lado contrario, entre os fitos que adornan a súa traxectoria, están as obras de teatro que prepararon expresamente para as exposicións universais de Lisboa (1998), Hannover (2000) ou Zaragoza (2008), en representación de Portugal. Ou o seu labor como embaixadores culturais no Brasil, co programa “cumpliCIDADES”.
Entre nós, é ben coñecido o vínculo afectivo e artístico que uniu de sempre á ACERT coa compañía galega Chévere, e agora tamén coa compañía Voadora. Quizás o que non sexa tan coñecido é que foi en Tondela onde se xestou a mítica banda de rock Psicofónica de Conxo, ou que o seu cantante, Carlos Santiago, foi autor dos textos de catro obras de Trigo Limpo, ou que o seu guitarra, Fran Pérez “Narf” pasou innumerables xornadas fechado no seu estudio de gravación compoñendo pezas musicais para teatro e temas propios. Así mesmo Narf foi responsable musical de 2000 a 2015 da “Queima do Judas”, que se celebra en Tondela todos os anos en Sábado Santo.
O encontro coa ACERT/Trigo Limpo concluíu cunha magnífica frase de Miguel Torres que resume en boa medida o espírito desde colectivo: “non queremos traballar en rede, queremos traballar uns cos outros”.
A media tarde saímos para Viseu, onde nos agardaba unha mesa redonda con cinco das iniciativas culturais máis destacadas da cidade e da súa contorna. Celebramos o acto no local “Venha a Nós a Boa Morte”, do festival Jardins Efémeros, quen tamén nos dispensaron unha estupenda acollida. Cada entidade ou proxecto dispuña de dez minutos para explicar a súa experiencia ou traxectoria, para a continuación abrirmos un coloquio a toda a sala. As iniciativas seleccionadas foron o Cine Clube de Viseu (Rodrigo Francisco), a Associação Cultural Zunzum (Daniela Fernandes e Paulo Carrilho), a sala Carmo 81 (Nuno Leocádio), o proxecto teatral do NACO -Núcleo de Acción Cultural de Oliveirinha- (José Figueiredo) e o festival de arte contemporánea Jardins Efémeros (Sandra Oliveira).
O Cine Clube de Viseu é unha entidade veterana, nacida en 1955, que se dedica á divulgación da arte cinematográfica e do cinema portugués. Entre as súas actividades combinan a exhibición de filmes, as publicacións especializadas e a educación, na que inclúen unha liña formativa para o profesorado. Desde principios dos anos 70 dispón dunha programación ininterrompida, empregando para iso diferentes auditorios e espazos públicos da cidade. En 1997 foi declarada de interese público. Ten colaborado intensamente coa ACERT na realización de programacións artísticas supramunicipais, como no proxecto “Comum – Rede Cultural”. Unha das súas misións principais é a creación de públicos, en particular entre os máis novos.
A Associação Cultural Zunzum naceu en 2007 da man da compañía de teatro Onomatopeia. Carece de sede física e aposta pola itinerancia e descentralización das súas propostas. Parten dunha forte visión social que os leva a crear espectáculos en cada localidade a partir das vivencias da poboación. Tamén traballan na sensibilización de públicos e na formación en capacidades brandas (soft skills) como a creatividade e as competencias sociais, en escolas e empresas. Boa parte do seu funcionamento é autoxestionario e cada un dos seus membros desempeña múltiples funcións. Entre outras actividades, organizan o festival Outono Quente. Foron merecedores de diversos premios en teatro xove e resultaron finalistas do CINet – Creative Industries network 2015. A súa filosofía pódese sintetizar coa frase “a cultura como saúde pública”.
O Carmo 81 é un espazo multifuncional sito no casco histórico de Viseu que combina sala para cine e concertos, galería de arte, laboratorio de fotografía, tenda de obxectos de segunda man e bar. Naceu en 2015, a partir do traballo da cooperativa cultural Acrítica. Parten do concepto de cultura urbana, con especial atención ao panorama do pop rock e a música indie. Para poder desempeñar o seu labor rehabilitaron un local abandonado, ao que bautizaron co nome exacto da rúa e do número no que se ubicaba para procurar a identificación da veciñanza. Entre os seus principios está o fomento dunha economía xusta e distributiva.
Pola súa parte, o NACO da Oliveirinha é unha iniciativa xurdida hai 14 anos no lugar de Carregal do Sal (300 habitantes), a 35 km. de Viseu. Integra a tres compañías de teatro: a adulta “Mãos à obra” e as infantís “Naquitos” e “Nacos da gente”. Así mesmo, dispoñen dun laboratorio de música que acolle a 35 alumnos/as. Organizan dous festivais de teatro, o “Depois da nove”, de teatro amador, e o “Palco para dois ou menos”, especializado nos pequenos formatos e que xa vai pola súa undécima edición. Para mellorar a prestación das súas actividades veñen de construír unha sala polivalente e de contratar a un traballador a tempo completo.
O Jardins Efémeros é un festival de arte contemporánea de gran formato que se celebra durante a primeira quincena de xullo por todo o casco histórico de Viseu, aínda que con intervencións en barrios periféricos. A súa proposta é transdisciplinar, abranguendo as artes visuais, o son, a arquitectura, o cinema, o teatro e a danza. O festival tamén acolle diversos mercados e unha sección infantil. Desde os seus inicios, hai 7 anos, supuxo un refrescante acicate para a cultura da cidade e un elemento dinamizador a partir do cal xurdiron outras iniciativas culturais autónomas. Durante o festival realízanse perto de 300 actividades ás que asisten máis de 100.000 visitantes. O concepto do festival é netamente experimental, outorgando maior importancia aos procesos que aos resultados. Para o deseño e execución do programa contan coa colaboración de Universidades (Belfast, Barcelona…) e doutros socios locais.
Unha vez rematada a rolda de presentación de experiencias, iniciamos un coloquio no que agromaron temas comúns, como a relación coas administracións públicas, o impacto da crise económica, a necesidade da diversificación de ingresos, ou o grao de colaboración entre os axentes locais e os beneficios que se derivarían de incrementalo. Tamén houbo quen saudou a organización deste sinxelo acto como unha novidade no panorama cultural de Viseu. Non é infrecuente que iniciativas locais descoñezan o traballo dos seus veciños, dado que as contadas enerxías das que dispoñemos deben ser destinadas en exclusiva aos nosos propios proxectos. Nese sentido, unha persoa entre o público afirmou que “isto foi histórico para a cultura en Viseu”. Se ademais de ser útil e instrutivo para nós resulta frutífero para os nosos anfitrións, entón dobremente felices.
Coa fin da mesa redonda chegou a noite e alongamos este sábado de inmersión e convivencia cunha cea de confraternización e unha incursión ao Carmo 81.
Xa o domingo regresamos a Galicia, cunha parada técnica para xantar e pasear en Ponte de Lima. O lóxico cansazo físico estivo acompañado polo intento de procesar tanta información recibida e a satisfacción de ter vivido algo moi especial. Quen sabe se, de aquí a un tempo, esta viaxe será o detonante de futuras colaboracións. De novas amizades xa o foi.
Marcos Lorenzo
Podes visitar o álbum completo da viaxe aquí.
Comments (4):
Formación en Xestión Cultural | Crónica das mellores prácticas culturais da Região Centro de Portugal
[…] está dispoñible na web de BenCuriosa a crónica desta experiencia tan […]
Volvemos ao norte de Portugal para seguir tecendo rede co seu sector cultural | BenCuriosa
[…] momento, deixámosvos aquí a crónica da viaxe do ano pasado, que nos levou ás localidades portuguesas de Tondela, Viseu e […]
Volvemos al norte de Portugal para seguir tejiendo red con su sector cultural | BenCuriosa
[…] el momento, os dejamos aquí la crónica del viaje del añopasado, que nos llevó a las localidades portuguesas de Tondela, […]
Seguimos tecendo lazos culturais con Portugal | BenCuriosa
[…] A crónica completa da viaxe xa está dispoñible aquí. […]