Moitas veces escoitamos falar da riqueza e a importancia do noso patrimonio inmaterial. Pero non tanto das persoas que adican o seu tempo a coidar e divulgar estes coñecementos.
Con este foco vimos de abrir a web de Saberes Próximos como resultado dun proceso de investigación das persoas e colectivos que recompilan, preservan e difunden os nosos saberes e tradicións.
Neste novo espazo virtual constitúese unha base de datos aberta e dixital na que é posible atopar información sobre máis de medio cento de persoas, colectivos e entidades da provincia da Coruña: asociacións, obradoiros artesanais, comunicadoras, investigadoras, artistas, mestras, xestoras culturais… En definitiva, persoas que comparten a motivación de recoller e difundir o noso patrimonio inmaterial.
Unha recompilación na que aparecen figuras recoñecibles como Xosé Lois Romero, Pablo Carpinteiro, Vero Rilo ou Montse Rivera. Pero tamén asociacións consolidadas no sector como aCentral Folk ou Pesquedellas. Sen esquecernos, dende logo, de persoas menos coñecidas cuxa labor tamén é imprescindible.
A base de datos da web de Saberes Próximos estrutñurase en fichas. Así, permítenos poñerlle nome ás persoas implicadas no coidado do noso patrimonio inmaterial, achegándonos á súa labor concreta, metodoloxía de traballo e motivacións.
A base de datos de Saberes Próximos permite a consulta de tres maneiras distintas: mediante un visor interactivo, a través dun mapa xeolocalizado e mediante unha lista que garante un acceso doado a calquera usuaria. Ademais de ofrecer un formato máis interactivo, esta presentación busca achegar a web a diferentes niveis de lectura o máis accesible posible para todos os usuarios.
Saberes Próximos conta co apoio do programa de Proxectos Singulares da Deputación da Coruña.