A segunda edición do Banquete de Conxo incrementou a participación da veciñanza

Tralo éxito que tivo entre a veciñanza do barrio, e en termos de asistencia, a primeira edición da festa do Banquete de Conxo, o Concello de Santiago celebrou a segunda, pensada para acadar un maior impacto social e avanzar na sustentabilidade do evento.

O noso compañeiro Marcos Lorenzo participou de novo no deseño da festa e na súa dimensión participativa. Neste sentido, e como aportación con respecto á pasada edición, destacou a ampliación da base social da Festa do Banquete, integrando nela ao tecido asociativo e cultural dos barrios do Castiñeiriño, Pontepedriña, Santa Marta e A Rocha, que entre os anos 1833 e 1925 formaron parte do antigo concello de Conxo.

A que xa está considerada como “a gran romería de Compostela” celebrouse os días 3, 4 e 5 de maio, aínda que, xa en abril, nos centros socioculturais destes barrios composteláns desenvolvéranse varias sesións informativas para a veciñanza, xunto con obradoiros de confección de vestimenta de época e un roteiro histórico-teatral.

O resultado desta segunda entrega do Banquete foi, segundo a comisión organizadora, moi satisfactoria, despois de coñecer que a afluencia de persoas creceu nun 50% con respecto á edición de 2018 e confirmarse unha maior participación da veciñanza e a complicidade do numeroso público, cunha especial participación do infantil.

Aquí tedes un estupendo resumo!

Na web do Concello, á que podedes acceder desde aquí, podedes ler a crónica da festa e ver a galería de fotos.

Tamén compartimos con vós esta reportaxe na edición compostelá de La Voz previa á celebración da festa sobre o impacto positivo que tivo no barrio de Conxo a celebración da primeira edición da festa do Banquete, pero tamén a recuperación previa da carballeira na que se desenvolve parte do evento e na que tivo lugar o banquete orixinal.

Publicacións similares