Compostela recupera o espíritu do banquete de Conxo

18/04/2018

O 21 e 22 de abril celebrouse en Compostela unha festa para rendir homenaxe a un dos fitos da historia contemporánea galega: o Banquete de Conxo (2 de marzo de 1856), no que un grupo de estudantes, entre os que estaban Aurelio Aguirre, Eduardo Pondal, Luís Rodríguez Seoane, Manuel Murguía e, aínda que a súa presencia non está totalmente acreditada como a dos seus compañeiros varóns, Rosalía de Castro, convidaron a xantar  na carballeira de Conxo aos artesáns e obreiros da cidade.

Naquela ocasión, foi a clase intelectual a que serviu á clase traballadora, nun acto no que houbo brindes e proclamas progresistas que, naquel momento, foron consideradas subversivas e mesmo motivaron a actuación policial. Máis de século e medio despois, e cos valores daquel día plenamente vixentes, a cidade reviviu o Banquete cun amplo programa de actividades culturais, coa implicación activa da veciñanza de Conxo e co barrio convertido nun espazo de recuperación histórica e dinamismo cultural aberto a toda a cidadanía compostelá.

Durante a Festa do Banquete conviviron en Conxo diferentes propostas culturais e lúdicas: representacións teatrais, música, poesía, xantar e romaría popular, brindes das veciñas e veciños, foliada e actividades divulgativas como a mesa redonda que moderou o noso compañeiro Marcos LorenzoAdemais, houbo un mercado do libro e da artesanía diante do centro sociocultural do barrio, así como xornadas gastronómicas en varios restaurantes da cidade durante toda a fin de semana.