Cultura Dixital

Transformación dixital na xestión cultural: unha aposta pola formación TIC do sector

10/08/2020

A Asociación Galega de Profesionais da Xestión Cultural desenvolve este outono, co apoio da  Dirección Xeral de Cultura da Xunta de Galicia, A Transformación Dixital na Xestión Cultural: un amplo programa formativo que deseñamos e coordinamos dende o equipo de BenCuriosa.

A formación, que se desenvolverá de setembro a decembro cunha duración total de 200 horas, está orientada a actualizar as competencias dixitais das profesionais da xestión cultural e está composta por sete cursos temáticos, con orientación práctica, baseados nunha aprendizaxe flexible.

Trátase dun curso gratuíto e totalmente en liña, con espazos de participación e intercambio de experiencias onde compartir coñecementos e, en definitiva, facer comunidade.

Toda a información está dispoñible na páxina web da AGPXC, á que podedes acceder xa desde aquí, xunto co formulario de inscrición.

O curso A Transformación Dixital na Xestión Cultural supón un paso máis nas nosas liñas de traballo, xa que conectamos a liña adicada á cultura dixital coa centrada na formación e creación de coñecemento arredor da xestión cultural.

Dende BenCuriosa estamos a desenvolver xa máis proxectos neste novo formato en liña para entidades que desexan traballar na formación e divulgación arredor das posibilidades dixitais en relación ao ámbito cultural, a creación dixital e a formación dunha cidadanía dixital.