Primeira sesión do CEU en Xestión Cultural da USC no curso 2018-19

O CEU en Xestión Cultural da USC convoca a súa sexta edición

O Curso de Expert* Universitari* en Xestión Cultural retoma as súas convocatorias cunha sexta edición na que se manterá a filosofía de aprender facendo e aprender compartindo, o traballo en equipo apoiado por ferramentas telemáticas e as aulas presenciais cun carácter práctico e participativo.

Como novidade, para adaptarse á situación sanitaria que estamos a vivir, nesta sexta edición haberá un reforzo dos contidos e ferramentas en liña, para así garantir a docencia e a participación de todo o alumnado desde o 03 de outubro, data de inicio das aulas, ata a súa finalización en maio de 2021.

 

Como se aprende no CEUXC?

O curso artéllase sobre a construción dun proxecto cultural. En paralelo, o alumnado recibe formación da man de profesionais en activo no sector. O obxectivo non é só proporcionar coñecementos teóricos sobre os diferentes ámbitos da xestión cultural, senón que os contidos que se aborden teñan relación coas fases de desenvolvemento do proxecto, de tal maneira que, literalmente, se poida “aprender facendo”. Na súa web tedes acceso á información ampliada, na que podedes ver o programa formativo.

O Curso, que comezou a súa andadura no 2014 da man de Sergio Lago e Marcos Lorenzo, xunto cos profesores da USC Isabel Neira e Gonzalo Rodríguez, presenta nesta ocasión algunha novidade con respecto á súa organización, coa integración no equipo de titores de Diego V. Meizoso, xunto con docentes e titores de edicións anteriores como Diego Parajó, Beatriz Fontán e Sonia Díaz. A función deste equipo será a de guiar ao alumnado en diferentes fases do desenvolvemento dos proxectos.

 

Quen son os destinatarios?

O Curso de Expert* en Xestión Cultural está dirixido a todas aquelas persoas que desexen formarse na xestión integral de proxectos culturais ou doutros ámbitos (social, educativo, divulgativo, etc,…), tanto para adquirir as competencias que lles permitan desenvolvelos directamente, como para contar cunha visión global e ferramentas específicas para o traballo multidisciplinar en equipo.

Resulta de especial interese para profesionais do sistema cultural que queiran actualizar os seus coñecementos ou que desexen, se non puideron facelo anteriormente, adquirir unha formación regrada que consolide o oficio logrado en base á súa experiencia. Neste sentido, para acceder ao Curso non se precisa titulación universitaria previa, coa finalidade de que poidan acceder profesionais que alternativamente acrediten a súa traxectoria.

Nestas cinco edicións teñen pasado polas aulas do CEUXC persoas relacionadas coa xestión cultural do ambito público e privado, activistas culturais, persoas relacionadas co patrimonio e os museos e co audiovisual e outras artes como escénicas ou musicais, entre outros perfís.

Ademais, como xa ocorreu nas cinco edicións anteriores, as persoas inscritas no Curso terán tamén nesta edición a posibilidade de desenvolver, se o desexan, prácticas en empresas e entidades de referencia no sector cultural.

As prazas para o CEU en Xestión Cultural da USC son limitadas. Ata o 09 de setembro pode solicitarse a pre-inscrición e posterior matrícula. Se se liberasen prazas dispoñibles, a partir do 14 de setembro abriríase a fase de matrícula directa.

Dende aquí podes acceder a toda a información.

 

Subir