programacións

Teresa Salgueiro e a renovación da música popular portuguesa pechan Nexos 2018

17/06/2018

O pasado sábado 16 de xuño Nexos celebrou a súa quinta e derradeira sesión deste 2018, coa cantante Teresa Salgueiro, vocalista durante dúas décadas de Madredeus, como relatora da evolución da música popular portuguesa nos últimos cincuenta anos, desde o que se chamou nova canção portuguesa, da man do Zeca Afonso e Fausto, ata o momento actual, no que o fado goza da distinción de Patrimonio Inmaterial da Humanidade.

A sesión de peche desta edición de Nexos tivo unha estrutura un pouco distinta da que vén sendo habitual, xa que non houbo relatorio como tal, senón unha ampla entrevista conducida polo noso compañeiro Marcos Lorenzo, coordinador do ciclo Nexos, e Carla Amado, directora do Instituto Camões de Vigo, trala que Teresa Salgueiro ofreceu un pequeno concerto. Teresa Salgueiro, que desde o 2006 ten unha carreira consolidada como solista, foi durante vinte anos e once discos (1987-2007) a voz de Madredeus, grupo portugués de referencia internacional, con xiras en 41 países e máis de 5 millóns de discos vendidos.

En paralelo a isto, Nexos desenvoleu a súa versión infantil, coa mesma temática pero adaptada ás idades (5-12 anos) d*s participantes. Nesta sesión, concretamente, as nenas e nenos que participaron no obradoiro puideron achegarse á cultura portuguesa, incluídos, obviamente, idioma e música, con Madredeus tamén pero sen esquecer propostas máis actuais como The Gift ou Deolinda ou cancións populares infantís.

Como foi Nexos 2018

Esta sesión tan especial, tanto para os maiores como para a cativada, pechou unha edición que comezou no mes de xaneiro, coa socióloga Carolina del Olmo, que tratou as dificultades dos coidados e da conciliación nunha sociedade cada vez máis individualista. Nos seguintes meses falaríase de banda deseñada en Galicia, cos artistas Alberto Vázquez e Manel Cráneo, do noso patrimonio cultural, da man do investigador do CSIC Felipe Criado e do mundo árabe e musulmán coa experta Gema Martín Muñoz. Cada unha destas propostas temáticas coa súa correspondente proposta artística exclusiva e todas cun mesmo punto e final: un viño e uns petiscos que, no caso desta quinta sesión, serviron para despedir a sexta edición de Nexos.

Outras publicacións do proxecto