Comeza na USC a quinta edición do Curso de Expert* Universitari* en Xestión Cultural

Este pasado 3 de outubro abriu as súas portas na facultade de Ciencias Económicas e Empresariais unha nova edición do CEU en Xestión Cultural, que desde o seu comezo desenvolven e coordinan Sergio Lago e Marcos Lorenzo,  xunto aos profesores da USC Isabel Neira e Gonzalo Rodríguez.

Como nas edicións anteriores, mantén a aposta por un enfoque eminentemente práctico a partir dunha base teórica coas achegas de profesionais en activo de diferentes ámbitos da xestión cultural da contorna ibérica. Neste curso 2018-19 hai algunhas novidades no equipo de docentes, como o investigador e xestor cultural Santiago Eraso, o director xeral de Trivium-Estratexias en Cultura e Turismo César Abella, a directora de Matadero-Madrid Rosa Ferré, a avogada e investigadora cultural Ania González  ou a directora do festival Atlántica Soledad Felloza. Tamén se incorporan este ano por primeira vez ao cadro docente a economista Carme Casado, Marián Fernández, socia da cooperativa O Cable Inglés, e a xestora de proxectos Bea García.

Ademais haberá sesións fóra da facultade, en colaboración con distintas institución culturais, conversas abertas e un profundo traballo en equipo en torno á elaboración dun proxecto cultural. Unha gran cantidade de actividades e coñecementos vinculados á xestión cultural que se desenvolverán entre outubro e maio e que é posible seguir no Blog do Curso, ao que podedes acceder desde aquí.

O Curso de Expert* Universitari* en Xestión Cultural está tamén nas redes. Deixámosvos aquí o acceso as súas contas de Facebook e Twitter.

Subir