Modelos de Residencias Artísticas
Participamos no proceso de análise e asesoramento para o deseño da estratexia dun novo proxecto público de residencias artísticas en Galicia.
Desde BenCuriosa colaboramos neste proceso con Diego Parajó, responsable da coordinación global do proxecto, asumindo pola nosa parte a análise de modelos de referencia galegos, estatais e internacionais, así como a identificación de boas prácticas e redes relevantes no ámbito das residencias artísticas.
Dirixido a…
Responsables políticos e técnicos dunha administración pública que quere implementar un modelo de residencias artísticas realista, sostible e adaptado ao contexto galego.
O que fixemos
- Consultoría especializada e acompañamento na fase do proxecto ligada ao análise de modelos de referencia e redes.
- Identificación de prácticas inspiradoras a nivel galego, estatal e internacional.
- Clasificación tipolóxica e análise comparada de modelos de residencias.
- Mapeo de redes e plataformas culturais relevantes.
- Propostas para establecer colaboracións estratéxicas.
- Redacción de entregables técnicos e documento de aprendizaxes.
O enfoque
Este traballo parte da necesidade de definir un modelo de residencia artística viable e arraigado no territorio, partindo dun edificio de titularidade pública con espazos polivalentes e zona de aloxamento. Centrouse en identificar modelos que sirvan de guía, adaptables á realidade local, e redes que favorezan a mobilidade, o recoñecemento e a sostibilidade do proxecto.
O estudo estrutúrase arredor de catro grandes bloques: análise tipolóxica de residencias, comparativa de modelos de xestión e programación, identificación de redes e plataformas de colaboración, e 35 fichas detalladas con exemplos inspiradores a nivel galego, estatal e internacional. Este enfoque permitiu ofrecer un panorama completo sobre as diferentes fórmulas que existen no ámbito das residencias e propoñer aprendizaxes útiles para a súa implementación en Galicia. Especial atención se prestou á clasificación das residencias segundo parámetros como a súa finalidade (creación, investigación, participación…), o enfoque disciplinar (monodisciplinares, interdisciplinares…), a relación co territorio (urbanas, rurais, comunitarias…), a duración ou o modelo de gobernanza (público, mixto, independente…).
O informe incorpora tamén referencias bibliográficas fundamentais, como os traballos de referentes e aliados como Jaume Colomer e BissapLab sobre as necesidades funcionais e financeiras dos programas de residencias artísticas en Cataluña, asumindo como propia a súa aposta por unha lóxica sistémica, cooperativa e sustentable.
O equipo
- Diego Parajó: Coordinación global do proxecto
- Sergio Lago: Consultoría e análise de modelos de referencia
Os resultados
📌 Documento técnico de análise con aprendizaxes e recomendacións.
📌 Taxonomía de modelos de residencias e análise comparada.
📌 Proposta de estratexia de relación con redes e plataformas culturais.
📌 Base de datos de entidades e contactos clave.
📌 Documento marco para orientar o deseño da futura residencia artística.