A vibrant street filled with people and trees, showcasing urban life in Barcelona.
|

Innovar dende un concello

Esta iniciativa parte dun servizo de benchmarking sobre actuacións innovadoras a nivel local, promovido pola administración autonómica galega co obxectivo de identificar boas prácticas e definir modelos aplicables ao contexto dos concellos galegos. Unha aposta por deseñar accións e pautas no ámbito municipal que favorezan a I+D+i aliñada coa RIS3 Galicia, cun impacto directo e concreto na vida das persoas.

A proposta foi coordinada por María Masaguer, quen elaborou un amplo informe analítico e un catálogo de accións innovadoras estruturado arredor de cinco ámbitos: vivenda, territorio e ambiente, economía, benestar das persoas e gobernanza. O noso compañeiro Sergio Lago participou nesta investigación acompañando a elaboración do apartado de benestar das persoas, unha liña de traballo na que vimos poñendo o foco nos últimos tempos.

Dirixido a…

Responsables e equipos técnicos da administración local galega, entidades do ámbito do desenvolvemento local, planificación estratéxica, innovación pública e acción social interesadas en identificar referencias prácticas e orientar actuacións locais de impacto desde a innovación.

O que fixemos

  • Consultoría especializada no ámbito do benestar das persoas
  • Revisión de enfoques e experiencias de innovación social a nivel local
  • Aportación de exemplos de boas prácticas con potencial para inspirar accións replicables
  • Enfoque participativo e centrado na comunidade como criterio transversal
O enfoque

Ademais de identificar un conxunto de accións innovadoras e un catálogo de boas prácticas, analizamos os diferentes enfoques desde os que se pode impulsar a innovación no ámbito municipal do benestar social. Aínda que existe a posibilidade da abordaxe técnica centrada na prestación de servizos, puxemos o foco na innovación social, un prisma que sitúa ás persoas e ás comunidades no centro da acción.

A innovación social non se limita á resolución de problemas mediante produtos ou servizos, senón que valora especialmente os procesos: o xeito de facer, as alianzas xeradas, a participación da cidadanía, o recoñecemento dos saberes locais e o fortalecemento do tecido social. Este enfoque propón solucións colaborativas, conectando administracións, entidades sociais e axentes locais. E fomenta comunidades máis cohesionadas, inclusivas e resilientes, integrando dimensións como a diversidade, o coidado das persoas maiores, a mocidade ou os colectivos en risco de exclusión.

Outra particularidade é que se puxeron en valor experiencias e espazos socioculturais transversais, con capacidade para interconectar retos e colectivos diversos, e que poidan servir como referencia para políticas locais orientadas á mellora da calidade de vida.

O equipo

  • María Masaguer – Dirección e coordinación do informe
  • Sergio Lago – Consultoría e acompañamento no apartado de benestar das persoas