Nexos dedica a súa sesión de abril ao mundo árabe e musulmán
Dentro do eclecticismo que caracteriza a programación de Nexos, o programa que coordina o noso compañeiro Marcos Lorenzo na Cidade da Cultura achegouse este mes de abril a dous mundos, o árabe e o musulmán, que nós, cos coñecementos que manexamos e a distancia cultural, habitualmente confundimos.
Nexos: encrucilladas no mundo árabe e musulmán propuxo todo un reto, como é o de enfrontarnos aos tópicos e clixés que condicionan a información que recibimos ao respecto. Para resolver dúbidas, pero, sobre todo, para coñecer máis a súa enorme herdanza cultural, a súa pluralidade interna, o seu contexto xeopolítico e os conflitos sociais do presente desde a súa perspectiva, a sesión contou coa participación dunha das maiores expertas na materia: Gema Martín Muñoz, profesora visitante da Universidade de Harvard, colaboradora da Universidade da Sorbona, fundadora e directora de Casa Árabe e columnista no diario El País durante dúas décadas.
No apartado artístico, Nexos contou para a ocasión cun espectáculo sonoro e visual inspirado na poesía de tradición sufí, a cargo de Nenoescuro (Rafa Xaneiro) e da cantante Yasmina Farhani. Esta proposta creativa foi froito da colaboración con A Central Folque e Axóuxere Editora.
Houbo, coma sempre, Nexos Infantil, e un viño e un petisco, por cortesía de Bodegas Martín Códax e Conservas Antonio Pérez Lafuente.
A seguinte sesión de Nexos será xa a derradeira desta edición. Celebrarase o 16 de xuño e dedicarase á renovación da música portuguesa, cunha entrevista á compositora e cantante Teresa Salgueiro, vocalista de Madredeus durante vinte anos, e unha actuación sorpresa. Tedes máis información na web da Cidade da Cultura, á que podedes acceder desde aquí.