O estado e necesidades do patrimonio galego, na sesión de marzo de Nexos
En xaneiro foi a utopía da conciliación familiar, en febreiro a banda deseñada e a animación en Galicia e, en marzo, o patrimonio galego. Baixo o título Confín dos verdes castros. O patrimonio e a identidade de nós, o ciclo Nexos, que coordina o noso compañeiro Marcos Lorenzo, ofreceunos a oportunidade de coñecer de primeira man o estado do noso patrimonio e a algunhas das cuestións que, sobre el, convén abordar.
Porque se ben é certo que Galicia ten un rico patrimonio cultural, non é menos certo que ese patrimonio leva tempo ameazado, e en ocasións danado, por factores como a construción indiscriminada, a expansión forestal ou o espolio, principalmente nos lugares da Comunidade onde faltan habitantes ou os que quedan son poucos e maiores. Frente a esta situación, cabe pensar en novas fórmulas para coidar, protexer e mesmo revalorizar o noso patrimonio, ao servizo da cidadanía galega e tamén dos turistas e visitantes foráneos. Unha temática de máxima actualidade, nun momento de auxe activista e de medranza dos movementos asociativos.
Nexos: confín dos verdes castros. O patrimonio e a identidade de nós contou para abordar estas cuestións, e aportar propostas para resolvelas, con Felipe Criado-Boado, profesor de investigación do CSIC e autor, entre outras publicacións, de “Atlas Arqueolóxico da Paisaxe Galega” (2016, edicións Xerais). Felipe Criado é tamén presidente da Asociación Europea de Arqueólogos e ten participado en comisións e comités científicos internacionais, do mesmo xeito que imparte aulas en universidades de varios países. Para completar o seu relato, o escritor Carlos Meixide representou, na parte artística da sesión, O fracaso do meu patrimonio, un espectáculo creado en exclusiva para Nexos.
A sesión remataou ás 14 h. cun convite a un viño e un petisco por cortesía de Bodegas Martín Códax e Conservas Antonio Pérez Lafuente. Coma sempre, houbo Nexos Infantil, para as nenas e nenos de 5 a 12 anos, no que se tratou de xeito lúdico a mesma temática que ocupou a sesión dos adultos.
A vindeira sesión de Nexos, Encrucilladas no mundo árabe e musulmán, celebrarase o próximo 14 de abril. Toda a información está xa na web da Cidade da Cultura, á que podedes acceder desde aquí.