Poñemos en marcha o Laboratorio Audiovisual de Innovación e Creación da Coruña

Coruña Dixital, o programa municipal dedicado á cultura dixital que coordina e comisaría o noso compañeiro Sergio Lago  pon en marcha  unha nova edición do Laboratorio Audiovisual de Innovación e Creación (LAIC), que comeza xa este mes de xaneiro a desenvolver a súa programación con tres liñas de experimentación.

Por unha banda,  narrativas populares contemporáneas, unha temática coa que o LAIC xa experimentou puntualmente na pasada edición e que, nesta, desenvólvese dun xeito moito máis amplo coordinada pola xornalista María Yáñez, comisaria da anterior edición do LAIC.

A iniciativa, especialmente pensada para personas relacionadas co eido creativo e da comunicación, é interesante en xeral  para quen precise de novas ferramentas para achegarse ao seu público e será a primeira (18 de xaneiro) en poñerse en marcha.

Dentro do programa do grupo, haberá unha sesión con Christian Flores e Anabel Lorente, dous referentes da videocreación na Rede. A cita, o 15 de febreiro, ten unha parte aberta ao público, consistente nunha conversa sobre a creación en Internet, na que é posible inscribirse.

Vídeo Mapping e AR

A segunda proposta céntrase no vídeo mapping, unha técnica que coñecemos como público, grazas ás exhibicións de proxección de luz e imaxes en 3D en edificios monumentais e espazos similares, pero que no LAIC, e coa coordinación do especialista Pablo Ferrer, amosará todas as súas posibilidades técnicas e creativas, permitindo experimentar con elas.  Precisamente, para divulgalas dun xeito ameno, haberá unha primeira sesión panorámica (19 de xaneiro).

Con ese mesmo enfoque (unha sesión previa ao desenvolvemento dun obradoiro en grupo) poñerase en marcha a terceira liña do LAIC: a realidade aumentada. Cunha primeira sesión (9 de febreiro), na que se explicará que é e cales son as posibilidades de realidade aumentada, virtual e mixta, con Verónica Rodríguez, trala que comezará o traballo en equipo, coordinado pola enxeñeira informática Aida Vidal.

Todas estas sesións terán como espazo o centro Ágora, como boa parte das actividades de Coruña Dixital. De feito, esta sede é unha das novidades desta edición do programa municipal, que, como en anos anteriores, segue apostando por colaborar coas iniciativas de cultura dixital que teñen lugar na cidade e cos colectivos que as desenvolven.

 

 

 

Subir