Constitúese no Consello da Cultura Galega a Comisión de Xestión e Políticas Culturais

O pasado venres, 15 de novembro de 2019, constituíuse a nova Comisión de Xestión e Políticas Culturais do Consello da Cultura Galega, baixo a coordinación da profesora Dolores Vilavedra. Participa como membro desta Comisión o noso compañeiro Sergio Lago, acompañado por algúns dos expertos e profesionais de referencia da xestión cultural galega, como Marián Fernández, socia fundadora da cooperativa O Cable Inglés, Encarna Lago, xerente da Rede Museística Provincial de Lugo, Agar Ledo, ex responsable de exposicións do MARCO de Vigo, Belén Pichel, presidenta de Escena Galega, Xavier Campos, técnico de cultura da Deputación da Coruña, e Alberto García, ex presidente da Asociación Galega de Profesionais da Xestión Cultural.

Entre os obxectivos da Comisión están:

  • Promover a realización de diagnoses, informes, plans e avaliacións que permitan socializar un coñecemento máis actualizado sobre os recursos e dinámicas culturais do país.
  • Fomentar o encontro, e polo tanto o coñecemento mutuo e as potenciais cooperacións ou sinerxías, entre os diferentes sectores e disciplinas da cultura galega.
  • Estimular o debate sobre o estado de situación da cultura galega e sobre o seu papel no conxunto da sociedade, así como elaborar e/ou canalizar propostas para a súa mellora.

O nacemento desta Comisión é un fito para a xestión cultural en Galicia, por canto permite introducir de forma estable no seo do Consello da Cultura Galega as reflexións e debates acerca das finalidades, enfoques, técnicas e metodoloxías dos profesionais da cultura.

A participación de BenCuriosa nesta nova comisión do Consello da Cultura Galega a través do noso compañeiro Sergio Lago súmase á relación que mantén coa institución cultural o noso compañeiro Marcos Lorenzo, que integra dende o 2016 a sección de Lingua, Literatura e Comunicación.

Queres compartir este contido?
Subir