As narrativas dixitais e transmedia, protagonistas do #LAIC de Coruña Dixital

O pasado 17 de decembro abriu as súas portas no Centro Ágora da Coruña a nova tempada do Laboratorio Audiovisual de Innovación e Creación (LAIC) de Coruña Dixital, cunha sesión adicada ás posibilidades das narrativas transmedia no sector audiovisual. Esta primeira charla, que se completou  cunha segunda xornada orientada a como encaixar as pezas dun proxecto transmedia, desenvolveuse da man de Roger Casas-Alartiste, fundador da produtora dixital El Cañonazo, responsable de universos transmedia de series como La Zona e, a máis recente, La Peste.

Trala pausa do Nadal, a actividade volve ao centro Ágora con estas propostas:

  • 18 de xaneiro: Laboratorio transmedia, con Andrea L. Lozano. Unha xornada práctica para iniciarse na creación dun proxecto transmedia, orientada a un público multisectorial: desde profesionais do sector audiovisual a persoas con proxectos culturais, educativos ou sociais interesados na aplicación das narrativas dixitais.
  • 25 de xaneiro: obradoiro vídeo 360º e VR, con Rubén Lázaro (Siente VR). Unha xornada para aprender de maneira práctica as claves coas que desenvolver unha produción destas características e para profundar nas súas aplicacións.
  • 05 de marzo. Teatro inmersivo e transmedia, con Belén Santa-Olalla (Conducttr). Xornada de dúas sesións independentes, nas que inscribirse de maneira conxunta ou por separado. Unha, en horario de mañá, é unha charla sobre as tendencias actuais e posibilidades do teatro inmersivo (máis información  aquí). E a outra, en horario de tarde, é un pequeno obradoiro orientado á construción dun proxecto teatral con narrativas transmedia e inmersivas (máis información  aquí).

Todas estas actividades son gratuítas, pero teñen prazas limitadas, polo que é recomendable inscribirse canto antes.

Inspirarse e experimentar coa cultura dixital

Unha das propostas de referencia de Coruña Dixital é o LAIC, que estende a súa programación atá finais de marzo, pero o programa municipal, que está en marcha desde comezos do outono, ten máis liñas de traballo: mantén o seu compromiso coa comunidade técnica local, dando visibilidade ás súas iniciativas e mesmo colaborando nalgunhas delas, e coa educación dixital da cidadanía, difundindo propostas relacionadas coa iniciación e uso seguro da tecnoloxía.

Ademais, as liñas de traballo do programa ampliaranse a outros ámbitos, como son a reflexión crítica sobre o impacto da tecnoloxía,  a través do ciclo Distopías Cotiás, e ás posibilidades da creación dixital a nivel educativo e sociocultural.

Relacionado con esta segunda liña de traballo, Coruña Dixital organizará un encontro galego de iniciativas que responden a este perfil e que se celebrará a finais de abril no centro Ágora. Se tedes interese nesta temática, na web de Coruña Dixital é posible acceder a un Kit de Activación Dixital, dirixido fundamentalmente a profesionais e activistas da educación, o social, a cultura, … no que é posible acceder a unha guía metodolóxica para desenvolver proxectos e coñecer propostas e experiencias xa realizadas.

No que respecta ao #LAIC, toda a información está na súa páxina web, á que podedes acceder desde aquí.

 

Subir