A crise existencial de Europa

O noso compañeiro Marcos Lorenzo comisariou e presentou unha nova sesión de Nexos, que tivo lugar o sábado 18. Sobrevivirá Europa ao seu enésimo rapto? Cara onde imos? son algunhas das preguntas que sobrevoaron o acto.

O final da II Guerra Mundial impuxo en Europa occidental unha axenda que aconsellaba máis unión entre os países (cortalumes para evitar novos conflitos) e un proxecto socialdemócrata para frear a influencia soviética. Esa aposta pola unión foise traducindo en diferentes acordos que acabaron por desembocar na creación da Unión Europea.

En tempos recentes estalou unha crise económica provocada pola desregulación dos mercados financeiros e pola burbulla inmobiliaria. Os custes desa crise foron derivados primeiro aos Estados, en forma de rescate aos bancos, e finalmente á cidadanía en forma de recortes. Como consecuencia, asistimos a un aumento das desigualdades sociais, ao auxe da xenofobia e ao descrédito da política e da propia UE. O medre de forzas euroescépticas en todo o continente e a próxima saída do Reino Unido sitúannos nun escenario de fortes incertezas. Sobrevivirá Europa ao seu enésimo rapto? Cara onde imos?

O Relatorio: Ignacio Sánchez – Cuenca. Sociólogo e filósofo, impartiu aulas na Universidade Complutense, na Universidade de Yale (EEUU) e na Universidade Pompeu Fabra. Na actualidade é profesor de Ciencia Política na Universidade Carlos III de Madrid, así como director do Instituto Carlos III – Juan March de Ciencias Sociais. Colaborador habitual en medios dixitais como ctxt e infoLibre. Entre os seus últimos libros figuran La impotencia democrática (2014, Catarata), Atado y mal atado. El suicidio institucional del franquismo y el surgimiento de la democracia (2014, Alianza) e o polémico La desfachatez intelectual (2016, Catarata).

A sesión foi amenizada por Teatro musicado: Parábase permanente. O actor Evaristo Calvo e o músico Pablo Seoane presentaron Parábase permanente, unha visita ao son posible da comedia de Aristófanes, e polo tanto aos ritmos primeiros da nosa cultura. Espectáculo creado para o ciclo Nexos.

A cita rematou cun aperitivo cultural, cortesía de Pan do Mar, de Conservas Pérez Lafuente, e Bodegas Martín Códax.

O albume de fotos desta interesante sesión está dispoñible no seguinte enlace.

Publicacións similares