O #LAIC de Coruña Dixital: experimentación colectiva e coñecemento aberto para a cidadanía

Laboratorio Audiovisual de Innovación e Creación da Coruña, impulsado desde a Concellería de Culturas do Concello da Coruña e que coordina o noso compañeiro Sergio Lago, pechou unha etapa: a da experimentación e aprendizaxe colectiva en torno a tres eixos temáticos, como son as narrativas populares contemporáneas, a realidade aumentada e o vídeo mapping.

Esta etapa culminou coa celebración da xornada Demo de #LAIC!, unha cita pensada como unha posta en común distendida para todas aquelas persoas que teñen curiosidade pola experimentación tecnolóxica e a cultura dixital.

Nela, as coordinadoras dos grupos -a xornalista María Yáñez, a enxeñeira informática Aida Vidal e Pablo Ferrer – expuxeron como foi este proceso grupal e os resultados acadados, como podedes ver desde aquí, en narrativas populares contemporáneas, realidade aumentada e vídeo mapping respectivamente. Ademais, na xornada tamén foi posible experimentar con algún dos prototipos desenvolvidos nos obradoiros.

 

Todas as sesións divulgativas dispoñibles en vídeo

Precisamente, e pensando en quen non ten ocasión de inscribirse nas actividades, pero ten interese en aprender, Coruña Dixital apostou por compartir o coñecemento xerado nas sesións de carácter panorámico ou divulgativo que se desenvolveron nestas semanas.

Así, é posible acceder aos resumos destas xornadas, que inclúen a súa gravación íntegra. Por exemplo, aquí tedes a primeira sesión de vídeo mapping ou a dedicada á realidade aumentada, virtual e mixta. O grupo de narrativas populares, pola súa parte, xerou varios contidos abertos, como foi o caso da primeira sesión panorámica ou a sesión adicada a videocreación na Rede con Christian Flores e Anabel Lorente.

O #LAIC pecha unha etapa, pero non así o programa Coruña Dixital, do que tedes toda a información na súa web, á que podedes acceder desde aquí.

Subir