Sesións 2016 no ciclo de cultura contemporánea Nexos

O ciclo de cultura contemporánea Nexos regresa á Cidade da Cultura de Galicia en xaneiro de 2016, propoñendo desta vez un diálogo entre temáticas tan variadas como o cinema documental, a arquitectura, a historia da literatura e o turismo.

Como é habitual, combinaremos relatorios a cargo de destacados expertos con actuacións artísticas sorprendentes, nas que non faltarán estreas de espectáculos creados en exclusiva para Nexos. E sempre desde un formato didáctico, ameno e distendido.

Ao longo deste semestre analizaremos a evolución do cine de inspiración social e a emerxencia actual do xénero documental; coñeceremos de primeira man ás figuras máis relevantes e ás principais correntes da nova arquitectura galega; saberemos das peripecias biográficas de Shakespeare e Cervantes nos seus derradeiros anos de vida, xustamente cando se celebra o cuarto centenario do seu falecemento; e estudaremos como o turismo cultural transforma (para ben e para mal) territorios e formas de vida.

Catro sesións a celebrar na Biblioteca de Galicia e que rematarán cun convite a un viño e un petisco cortesía de Bodegas Martín Códax e Pan do Mar. Porque diso se trata, de ofrecer un aperitivo cultural para as mañás dos sábados.

As inscricións xa están abertas na web do ciclo.

Publicacións similares