“O trazo desatado”: a ollada de Nexos á banda deseñada e á animación galegas

Despois dunha primeira sesión, A quimera da conciliación, no pasado mes de xaneiro, o ciclo Nexos, que coordina o noso compañeiro Marcos Lorenzo, regresou á Cidade da Cultura  este sábado cun tema totalmente distinto baixo o título O trazo desatado.

Nesta nova sesión falouse da potencia creativa que é Galicia nos mundos do cómic e da animación, con autores e obras premiados a nivel estatal e internacional, analizando as claves históricas que explican esta incrible concentración de talento, pero tamén a outra cara da moeda: un tecido empresarial neste ámbito feble, aínda por consolidar.

Nesta ocasión, os relatores foron Alberto Vázquez, director de cine e ilustrador con máis dun cento de premios, entre os que se inclúen tres Goyas de animación, e Manel Cráneo, artista multidisciplinar e debuxante, director de Demo Editorial e expresidente da AGPI (Asociación Galega de Profesionais da Ilustración). No apartado artístico , a proposta de Nexos consistiu nun “combate de debuxantes”, conducido e animado por Dani Xove, no que participaron catro novos valores da banda deseñada: Inés Casarejos, Guille Debelius, Xulia Pisón e Luis Yang.

A sesión rematou cun convite a un viño e un petisco por cortesía de Bodegas Martín Códax e Conservas Antonio Pérez Lafuente. Como sempre, houbo NEXOS INFANTIL paralelo ao dos adultos, con actividades para as nenas e nenos relacionadas coa temática da sesión.

A próxima sesión de Nexos, Confín dos verdes castros. O patrimonio e a identidade de nós, celebrarase o vindeiro 24 de marzo e estará adicada ao estado do noso patrimonio e as claves para poñelo en valor. Se queredes máis información ou reservar as entradas, podédelo facer xa aquí.

 

Publicacións similares