O Informe Anual da Cultura analiza por primeira vez a situación e importancia do sector cultural en Compostela

O Concello de Santiago vén de presentar o seu primeiro Informe Anual da Cultura. Un traballo pioneiro en España de recompilación e análise de datos municipais en relación ao sector cultural dirixido polo noso compañeiro Marcos Lorenzo.

Unha das principais conclusións que se extrae do Informe é o importante peso que a cultura ten na economía local, e por tanto a súa centralidade como sector estratéxico. Segundo os datos que se extraen deste traballo, o sector cultural representa o 5’2% do PIB da comarca de Santiago, cun total de 422 empresas culturais, que supoñen o 11’7% das galegas. En total, a cultura achega en Compostela 1.241 afiliacións á Seguridade Social, o que supón o 9’5% do emprego cultural de Galicia.  Ademais, no Informe recóllense datos sobre o gasto municipal en cultura, turismo cultural da cidade, hábitos e prácticas culturais da cidadanía, e actividade cultural (edición de libros, visitas a museos, indicadores do sistema bibliotecario, público en eventos de música, cine ou artes escénicas, e un longo etcétera). O Informe complétase cunha extensa valoración sobre a situación cultural da cidade por parte de 236 axentes socioculturais de Santiago.

Como se elaborou o Informe?

Para a confección do Informe empregáronse tres tipos de fontes: consulta a 63 estatísticas oficiais de ámbito galego e estatal, procesamento dun cuestionario enviado a 322 axentes socioculturais de Santiago -entre os que se inclúen destacados especialistas, institucións públicas, empresas e colectivos- e datos facilitados polo propio Concello de Santiago, que, grazas a este Informe, obtén información útil e substancial  para o deseño da súa política cultural.

Podes acceder ao primeiro Informe Anual da Cultura do Concello de Santiago desde aquí.

Publicacións similares