O Consello da Cultura Galega puxo en marcha entre maio e xuño o ciclo Xestión e políticas culturais nos concellos. Retos ante a Covid-19, dirixido a analizar os desafíos, pero tamén as ferramentas e posibles estratexias a curto, medio e longo prazo no contexto municipal e de proximidade.
O ciclo, que estivo coordinado polo noso compañeiro Sergio Lago, artellouse arredor de varios encontros en liña e a publicación dun informe final. Neste documento de traballo, sintetízanse as ideas e propostas xurdidas sobre os principais retos para o traballo cultural local, público e de proximidade.
Os encontros en liña
A primeira das sesións, o xoves 21 de maio, levou por título Onde Estamos? Cara onde camiñar? e centrouse nos retos e inquedanzas da xestión cultural municipal a través dun encontro moderado por Marcos Lorenzo (técnico de Cultura en Ferrol e membro da Sección de Lingua, Literatura e Comunicación do CCG) no que participaron os técnicos de Cultura de Boiro, Alberto García, e Allariz, Juan Antonio Seara, xunto con Pilar Portela, directora-xerente do Pazo da Cultura de Pontevedra e presidenta da Asociación Galega de Profesionais da Xestión Cultural.
No seguinte encontro, o ciclo ofreceu unhas cantas Reflexións Inspiradoras, da man de Marián Fernández, xestora cultural en O Cable Inglés, Mª Camino Barcenilla Tirapu, xefa da Sección de Recursos e Desenvolvemento Estratéxico da Dirección Xeral de Cultura-Institución Príncipe de Viana e Pau Rausell, responsable de Econcult:
A terceira sesión, Estratexias e Ferramentas, reuniu a unha ducia de profesionais que ofreceron a súa visión sobre esta cuestión desde diferentes perspectivas. Así, Julio Gómez, co-director do festival Sinsal, Xosé Manuel Blanco, presidente da Asociación Galega de Empresas Musicais e responsable de Nalgures Producións e Encarna Lago, xerente da Rede Museística Provincial de Lugo, abordaron o camiño da nova normalidade: