YouTube é xa moito máis que unha plataforma para subir vídeo, é todo un medio de comunicación no que cada vez máis persoas, especialmente a mocidade, atopan moitas das súas referencias informativas e aspiracionais. Pero, que hai de mito e realidade detrás de figuras profesionais como youtubers ou influencers? E, sobre todo, como podemos empregar nós unha canle de YouTube?
Responderemos a estas preguntas xunto a Marga Rodríguez e Román Castaño, de Merenda Creativa, con quen comezamos a nosa colaboración nesta proposta formativa.
Programa
Dirixido a un público xeral con intereses creativos e culturais por utilizar os contidos audiovisuais e as posibilidades de YouTube como ferramenta para a divulgación, a sensibilización, o activismo e/ou a educación, ben en contextos formais ou informais.
O curso, de 15 horas de duración, desenvolverase en novembro de 2020 e combinará pequenas pílulas de contido en liña, incluídos exercicios prácticos e interactivos, cunha parte de traballo práctico titorizado, incluídas sesións grupais en contornas virtuais.
- Como funciona YouTube? Introdución técnica á creación dunha canle en YouTube.
- Que quero contar e como? Definición da estratexia de contido.
- Como podo mellorar os vídeos que gravo? Consellos básicos para gravación e edición con dispositivos móbiles. Posibilidades técnicas internas de YouTube para a edición audiovisual.
- Que música e recursos podo utilizar nos meus vídeos? Ferramentas gratuítas para que YouTube non elimine o teu contido.
- Como fago para que alguén me vexa? Optimización dunha canle e estratexias para atraer públicos.
- Como creo a miña propia comunidade? Expansión da canle de YouTube a outras redes sociais para afianzar públicos.
- E cando me fago rico? Realidades e mitos sobre monetización e visibilidade, dende a perspectiva dos contidos galegos
Esta formación desenvolverase en liña na súa totalidade, xa que logo, non require a participación do alumnado nun horario específico na meirande parte do curso, xa que os contidos e as actividades estarán dispoñibles en todo momento.
Só haberá tres sesións que si requirirán a participación síncrona do alumnado (nun horario concreto), que serán as videoconferencias grupais (de 1h cada unha).
Tedes toda a información ampliada na web da UDC.