Este mes de setembro celébrase en Pontevedra a segunda edición do Tek-Fest, o encontro de tecnoloxía e patrimonio que nesta ocasión desenvolveu, dentro da súa programación, o encontro Culturas de Vangarda. Unha mesa redonda aberta ao público para profesionais e promotores de varias propostas culturais de vangarda musical, audiovisual e dixital.
No encontro, que se celebrou na Casa da Luz, participou o noso compañeiro Sergio Lago como coordinador de Coruña Dixital, xunto cos representantes do festival Sinsal, WOS Festival, Carballo Interplay, Novos Cinemas e (S8) Mostra de Cinema Periférico.
Culturas de Vangarda serviu para coñecerse e tecer rede, pero tamén para falar das cuestións do día a día que afectan ao desenvolvemento dos proxectos e aos públicos e compartir opinións sobre a profesionalidade do sector e a importancia da cultura no contexto social.