Os contidos audiovisuais son o eixo fundamental de boa parte da comunicación e difusión dun proxecto. Pero para que cumpran a súa función e capten a atencion do público cuestións como a edición deben estar especialmente coidadas.
Regresamos á NORMAL (UDC), dentro da súa programación de primavera de 2021, xunto a Marga Rodríguez e Román Castaño, de Merenda Creativa, con quen nos introduciremos na edición audiovisual.
Neste obradoiro, aberto ao público xeral, pero dirixido especialmente a persoas con ganas de desenvolver a súa creatividade no contexto audiovisual, achegarémonos ás claves da edición de vídeo dun xeito práctico, sen descoidar cuestións previas como o desenvolvemento e guionización dunha idea ou nocións de gravación.
Farémolo con ferramentas accesibles e partindo de cero para quen o precise, a través de pequenas pílulas de contido en liña, incluídos exercicios prácticos, cunha parte de traballo práctico titorizado e sesións grupais en contornas virtuais.
Programa
Dirixido a un público xeral con intereses creativos e culturais, este obradoiro de edición consiste nunha introdución práctica ao mundo audiovisual a través de diversas dinámicas e exercicios, mediante os cales traballaremos as diferentes fases da creación audiovisual, facendo especial fincapé no proceso de montaxe, co fin de que as persoas participantes poidan aprender a xerar o seu propio contido.
A finalidade desta proposta é facer chegar ao alumnado as ferramentas necesarias para contar as súas historias e darlles forma a través da edición. Estas ferramentas servirán para facer vídeos de todo tipo: sinxelos, máis complexos, puntuais, con continuidade, ficción, entrevistas, etc. Por suposto, o nivel estará adaptado ás características do grupo.
O obxectivo final do obradoiro será gravar e editar unha peza audiovisual completa de curta duración.
O curso, de 15 horas, combinará pequenas pílulas de contido en liña, incluídos exercicios prácticos, cunha parte de traballo práctico titorizado e sesións grupais en contornas virtuais.
Esta formación desenvolverase en liña na súa totalidade, por tanto non require a participación do alumnado nun horario específico na meirande parte do curso, xa que os contidos e as actividades estarán dispoñibles en todo momento. Parte dos contidos estrutúrase en unidades temáticas:
- UT1: Colle papel e boli: un repaso á idea e ao guión
- UT2: Luces, cámara e acción: un repaso á gravación
- UT3: Coñece o Shotcut: a base da edición
- UT4: Mergúllate no Shotcut: máis recursos para o teu vídeo
Tedes toda a información ampliada na web da UDC.