Do realismo no cine ao xénero documental

Desde o mesmo instante en que naceu o cine, poderiamos trazar unha (hipotética) divisoria entre dúas grandes correntes. Aquela que buscou entreter ás masas mediante a ficción e aqueloutra que quixo contar unha verdade, sexa intimista ou como forma de denuncia. O cine como evasión ou como testemuña. Esta sesión afondou na segunda delas, a que podemos identificar co cine socialista soviético, co neorrealismo italiano, co naturalismo escandinavo, co free cinema, coa nouvelle vague, co realismo crítico español e todas aquelas tendencias que se caracterizaron por un forte compromiso estético ou social. O que nos leva inevitablemente a preguntarnos polo auxe actual do xénero documental e polo seu status dentro da cinematografía.

12:00 | Entrevista: Gracia Querejeta. Directora de cine. A súa ópera prima “Una estación de paso” (1992) foi merecedora do premio especial do xurado na SEMINCI de Valladolid. Desde entón, ten desenvolvido unha carreira artística inzada de recoñecementos. Acadou por duplicado o premio á mellor película do Festival de Cine Español de Málaga, cos filmes “Héctor” (2004) e “15 años y un día” (2013), mentres que “Siete mesas de billar francés” (2007) obtivo dous premios Goya e dous premios do Festival de San Sebastián. Na actualidade é vicepresidenta da Academia do Cine.

13:15 | Proxección das curtametraxes documentais: “Galicia” (8’) e “Ser e Voltar” (14’). A continuación da mítica peza de Carlos Velo, proxectaremos unha curta de Xacio Baño, rodada en 2014, seleccionada para o Festival de Locarno (Suiza) e gañadora do premio Canal + no Festival de Clermont – Ferrand (Francia). Da Galicia rural de 1936 á Galicia rural de hoxe.

Publicacións similares