Celébrase o primeiro encontro “Abrir os Arquivos”
Cada día xéranse milleiros de contidos dixitais arredor das prácticas culturais, ben sexan produtos finais (obras audiovisuais, sonoras e gráficas, páxinas web, publicacións editoriais, etc.) ou ben documentos de traballo intermedios (memorias de proxectos, entrevistas, sesións fotográficas, soportes publicitarios e cartaces, entre moitos outros).
Cada ano moitos destes contidos desaparecen ou deixan de estar accesibles porque non se renova un aloxamento web, a tecnoloxía queda obsoleta (webs en flash, por exemplo), muda o soporte técnico dunha institución ou porque a conservación limítase só a copias persoais en dispositivos físicos como discos duros, memorias flash, CDs ou DVDs, os cales están xa comezando a deteriorarse e perderse, moito máis rápido incluso que outros soportes analóxicos como VHS ou casetes, por poñer algún exemplo.
.
Abrir os Arquivos nace como un grupo informal de traballo arredor da preocupación pola preservación, accesibilidade e utilización de contidos dixitais culturais, pensando especialmente nos arquivos visuais, sonoros e audiovisuais.
A iniciativa está impulsada inicialmente por María Yáñez (A Navalla Suiza, Embed) e Sergio Lago (BenCuriosa, Curso de Experto Universitario en Xestión Cultural da USC), buscando un formato de participación aberta a todas aquelas persoas interesadas na temática e que traballen con arquivos, creación (gráfica, sonora ou audiovisual), comunicación dixital ou xestión de proxectos culturais sobre memoria e patrimonio inmaterial.
Celebramos o primeiro encontro na mañá do sábado 20 de febreiro, acollidos polo espazo de coworking DoutroXeito, en Santiago de Compostela. O obxectivo foi esencialmente coñecer as distintas liñas de traballo que estamos a desenvolver cada asistente, así como facer un achegamento inicial ás problemáticas comúns e ás primeiras iniciativas que puideran desenvolverse no futuro. Acordouse, así mesmo, compartir en aberto as principais ideas que se reuniron, xa nunha vindeira publicación a través do blog do grupo.
Asistiron persoas de moi diversas disciplinas, o que nos permitiu tamén achegarnos a unha ampla panorámica de iniciativas e proxectos galegos que están a traballar arredor dos arquivos culturais dixitais:
| Nome | Entidade na que traballa ou participa |
Web |
| Xoán Manuel Pérez Lijó | BAMAD (Asociación Galega de Profesionais de Bibliotecas, Arquivos, Museos e Documentación) | bamad.gal |
| Daniel Buján | Biblioteca de Galicia | bibliotecadegalicia.xunta.es |
| José Mª Cumbraos | Sección de fondos audiovisuais – Arquivo da Deputación de Pontevedra | arquivos.depo.es |
| Ángel Rueda | (S8) Mostra de Cinema Periférico / Arquivos Super8 | s8cinema.com |
| Gabriel Quiroga Barrios | Arquivo do Reino de Galicia | arquivosdegalicia.xunta.gal > arquivo-do-reino-de-galicia |
| Beli Martínez | Proxecto Socheo | proxectosocheo.wordpress.com |
| Adriana Pérez Villanueva | Illa Bufarda | illabufarda.com |
| María Lobo | Gingko | gingko.gal |
| Ana Domínguez | (S8) Mostra de Cinema Periférico | s8cinema.com |
| Marcos Nine | Director, produtor e guionista | elviajedeleslie.com |
| Julio Gómez | Sinsal / Escoitar | escoitar.org |
| Xesús Ron | Redenasa | redenasa.tv |
| Manolo González | Fálame de San Sadurniño | falamedesansadurnino.org |
| Berta Galo | Xestión de contidos en cultura.gal | cultura.gal |
| Moisés Álvarez | Xestión de contidos en Balidea / Asociación Cultural Senunpeso – Laboratorio Audiovisual de Vedra | senunpeso.org |
| Pilar Rodríguez | LuarTUBE | luartube.crtvg.es |
| Roi Guitián | Gingko | gingko.gal |
| María Yáñez | A Navalla Suiza | Embed.at | mariayanez.eu |
| Sergio Lago | Ben Curiosa | bencuriosa.gal |

