As políticas culturais en Galicia, protagonistas dunha xornada organizada pola Asociación Galega de Profesionais da Xestión Cultural

O pasado martes 13 de novembro a Asociación Galega de Profesionais da Xestión Cultural (AGPXC) organizou na Cidade da Cultura unha xornada sobre políticas culturais en Galicia, valoradas por diferentes profesionais da xestión cultural e tamén por representantes de todos os grupos parlamentarios galegos. Foi unha tarde de posta en común, reflexión e debate na que o noso compañeiro Marcos Lorenzo tivo ocasión de participar a través dunha palestra, na que expuxo o impacto da crise económica sobre o sector cultural galego e as principais características das políticas culturais na actualidade.

A conferencia, que estivo presentada pola comisaria de arte e membro da AGPXC Agar Ledo, contou tamén coa participación do politólogo Jorge Linheira, autor do libro A Cultura como reserva india. Na súa intervención,  Marcos Lorenzo expuxo unha serie de datos que amosan o desleixo progresivo das políticas culturais galegas con respecto a un sector que, pese á precariedade na que traballa, supón case o 2% do PIB galego. Emprendemento forzoso, competencia dos grandes eventos financiados con diñeiro público, ausencia de plans estratéxicos da cultura nas administracións públicas do país ou a a escaseza histórica nas universidades galegas de grupos de investigacións dedicados a xestión cultural e políticas culturais foron algunhas das cuestións que expuxo na súa parte do relatorio.

Podedes ler boa parte da información que compartiu o noso compañeiro nesta xornada a través do informe As políticas culturais en Galicia, publicado hai un ano na revista Grial e ao que podedes acceder desde aquí.

Queres compartir este contido?
Subir