publicaciónsXestión Cultural

Análise das políticas culturais en Galicia

28/11/2017

Desde que se publicou no número 215 da revista Grial a finais de novembro, As políticas culturais en Galicia de Marcos Lorenzo provocou o interese de varios medios galegos, desde o ámbito dixital á radio pública. Os titulares, En Galicia non houbo políticas culturais e En Galicia non temos planificación estratéxica en cultura, invitan como mínimo a botarlle un ollo a este informe que non só analiza a realidade do sector, senón que aporta unha vintena de propostas para empresas e profesionais, Administración e sociedade no seu conxunto.

O informe apunta a varios problemas: menos emprego, menor investimento público e desaparición de empresas de tamaño mediano ou grande ao tempo que aumentaron os profesionais autoempregados. Todo isto sumado á dependencia da Administración, a ausencia dun estudo de públicos que permita deseñar unha oferta coherente e a escasa cooperación interna entre axentes culturais.

A análise feita por Marcos Lorenzo achega tamén exemplos de cousas ben feitas nos últimos anos, como a xestión de Luís Álvarez Pousa como director xeral de Cultura da Xunta de Galicia (1983-85) ou o Proxecto Interea (2001-09) de formación dos técnicos municipais de cultura da provincia da Coruña, a xestión das bibliotecas públicas do Concello da Coruña ou a xestión cultural do bipartito (2005-09). Sen esquecer o Culturgal, único punto de encontro para os profesionais do sector.

Se queres ler o informe completo, pódelo ver aquí.