“A xestión cultural en Galicia” culmina o seu percorrido polas librarías galegas

O libro “A Xestión cultural en Galicia. Unha visión panorámica e actual” vén de culminar o seu percorrido por varias cidades galegas cunha presentación en Vigo (libraría Librouro), logo de ter visitado nos últimos meses Boiro (centro social), Ourense (libraría Eixo), Pontevedra (libraría Paz), Lugo (libraría Trama), A Coruña (libraría Berbiriana) e Compostela (libraría Couceiro).

Esta publicación é unha iniciativa de coñecemento aberto en torno ao sector cultural galego, que foi impulsada polos nosos compañeiros Marcos Lorenzo e Sergio Lago desde o Curso de Expert*Universitari* en Xestión Cultural, a proposta formativa que, nos últimos cinco anos, desenvolveron na USC xunto aos profesores Isabel Neira e Gonzalo Rodríguez.

O proxecto comezou a súa andadura no eido dixital, da man do xornal Praza Pública en decembro de 2018, cunha publicación semanal correspondente a cada un dos trece capítulos que compoñen o libro. Un conxunto de reflexións e achegas doutras tantas profesionais de referencia en diferentes ámbitos do sector cultural galego: edición, audiovisual, artes plásticas, música, políticas públicas, acceso a financiamento, comunicación e públicos, cultura dixital… que nos permite trazar un mosaico global sobre a actualidade do noso sector e a nosa cultura.

As presentacións, que comezaron en Compostela no verán do 2019 e se reanudaron na Coruña no outono, foron unha excelente ocasión para manter un contacto directo con profesionais culturais, pero tamén co público. En moitas ocasións as presentacións do libro -nas que, ademais dos os seus editores, Marcos Lorenzo e Sergio Lago, participaron moitas das profesionais implicadas- convertéronse en espazos de encontro nos que intercambiar opinións, ideas e coñecemento.

 

“A Xestión Cultural en Galicia” deixa agora de viaxar, pero non por iso de estar dispoñible nas librarías, tanto físicas como en liña.

Aquí tedes toda a información, tamén sobre como acceder aos contidos de maneira gratuíta. Agardamos que sexa -que teña sido, se xa o lestes- do voso interese!

 

Subir