“A quimera da conciliación” abriu unha nova edición de Nexos na Cidade da Cultura
A Cidade da Cultura acolle un ano máis (e xa son seis) o ciclo de cultura contemporánea Nexos, dirixido por Marcos Lorenzo, con cinco sesións nas que, como xa é habitual, se combinan relatorios nun ambiente distendido con propostas artísticas creadas expresamente para a ocasión. O pasado 27 de xaneiro tivo lugar a primeira delas, cun relatorio a cargo de Carolina del Olmo, filósofa e xestora cultural, autora do libro ¿Dónde está mi tribu? Maternidad y crianza en una sociedad individualista, quen abordou as dificultades da crianza na sociedade actual baixo o título “A quimera da conciliación. Crianza, coidados e traballo doméstico no S. XXI”.
Na sesión analizou as contradicións da nosa sociedade dende a perspectiva da maternidade e os coidados e se as políticas de conciliación enfrontan ou non as causas estruturais da actual crise demográfica. Trala charla e posterior conversa, a escola de teatro compostelá Espazo Aberto ofreceu unha metáfora escénica, creada para Nexos, sobre o transcorrer do tempo na vida laboral dunha persoa, coas actuacións de Alicia Casas, Roi Fernández, Borja Limeres, Paula López, Yolanda Martínez e Alejandra Tomé.
Arte galega e Nexos Infantil
A seguinte sesión de Nexos (sábado 24 de febreiro) centrarase na explosión creativa na banda deseñada e animación en Galicia, mentras que nas seguintes falarase do noso patrimonio cultural, da actualidade do mundo árabe e musulmán e da renovación e florecemento nas pasadas décadas da música popular portuguesa. Mesturando os relatorios con arte galega e producións creadas en exclusiva para o ciclo. Así, nesta edición haberá un “combate de debuxantes” (24 de febreiro) , un monólogo cómico de Carlos Meixide, un espectáculo sonoro e visual de Nenoescuro e unha actuación sorpresa. E coma sempre tamén, nesta edición hai sitio para os máis pequenos en Nexos Infantil , para nenos e nenas de 5 a 12 anos de idade.
As cinco sesións celébranse na Biblioteca e Arquivo de Galicia coa novidade este ano do pago por asistencia: 3 euros para os relatorios e 2 euros para as actividades coa cativada, cunha promoción especial para as persoas que adquiran as tres primeiras sesións, que terán de balde as dúas seguintes.
Pódese conseguir a entrada e ter máis información polo miúdo na web da Cidade da Cultura.