Un cento de iniciativas galegas no Banco de Boas Prácticas para a Xestión Cultural

Banco de Boas Prácticas para a Xestión Cultural, impulsado pola Asociación Galega de Profesionais da Xestión Cultural (AGPXC) e coordinado por Sergio Lago, inicia a súa andaina. Trátase dunha escolma de cen iniciativas pensada especialmente para profesionais do sector, cargos públicos con responsabilidades culturais ou artistas, entre outros moitos perfís, que poidan precisar dun coñecemento profundo do que se está a facer en Galicia no eido cultural.

A escolla deste cento de propostas é o resultado dun proceso que comezou hai varios anos, con encontros participativos e máis de catrocentas persoas do sector cultural consultadas, tralo que xurdiron numerosas achegas e a necesidade de deseñar un espazo en liña onde visibilizalas.

Innovadores, efectivos e inspiradores

Tras este longo proceso de posta en común e recollida, unha mesa técnica da AGPXC fixo unha primeira selección de proxectos. Nela tívose en conta o carácter innovador de cada proposta, a súa efectividade, en canto ao éxito nos seus resultados ou procedementos, o seu carácter inspirador e a súa transferibilidade ou posibilidade de ser “exportada” a outros contextos.  Posteriormente, coa incorporación ao equipo de traballo das ex-alumnas do CEU en Xestión Cultural da USC  Adriana Castro Tarela e Nela Fraga Rivas, completouse o proceso de recollida de información dos proxectos seleccionados.

O resultado final  destes traballos é o cento de propostas exemplares e inspiradoras que xa coñecemos e que en ningún caso son un código, un manual académico ou un ranking, senón que constitúen unha panorámica de proxectos inspiradores e diversos na xestión cultural galega, algúns consolidados e outros que parecen marcar tendencias de futuro.

Como ver os proxectos?

O acceso á información do Banco é sinxelo: na súa web atopamos a posibilidade de organizar a procura de iniciativas por categoría, carácter, territorio, público principal, contido principal e periodicidade. Cada proxecto está nunha ficha que responde a eses parámetros e que, ademais, ofrece unha sinopse, unha explicación do seu contexto e experiencia e información de utilidade, así como material complementario audiovisual. En cada proxecto constan tamén as razóns polas que foi seleccionado.

A AGPXC visitará os proxectos do Banco

O Banco de Boas Prácticas  foi presentado o pasado 1 de decembro en Culturgal como un escaparate para o sector e para as persoas que, desde diferentes posicións, precisan achegarse a el, pero tamén como punto de coñecemento e encontro para os propios profesionais. Por iso, ao longo do 2018 a Asociación Galega de Profesionais da Xestión Cultural (AGPXC) visitará os proxectos para certificalos en persoa e organizar xornadas de intercambio de coñecementos, que axuden a tecer rede e a fortalecela.

Convidámosvos a coñecer estas iniciativas culturais de referencia visitando aquí o Banco de Boas Prácticas  e compartimos con vós a reportaxe (a partir do minuto 44) que sobre esta iniciativa fixeron no ZigZag Diario da TVG.

Subir