A Asociación Galega de Profesionais da Xestión Cultural (AGPXC) está a traballar na creación dun banco de boas prácticas para a xestión cultural. Coordinado polo noso compañeiro Sergio Lago, este proxecto faise coa finalidade de poñer a disposición de xestoras e xestores culturais, cargos públicos con responsabilidades en políticas culturais e artistas, entre outros perfís, todo un escaparate de exemplos inspiradores para poder traballar máis e mellor no ámbito cultural.
Para iso, estanse a seleccionar 100 proxectos culturais en base a criterios de innovación(emprego de estratexias novas e creativas de solución a problemas comúns), efectividade nos seus resultados (nivel de éxito, ben nos resultados, ben nos procedementos para a solución dos problemas aos que vai dirixida), exemplaridade inspiradora (o seu efecto multiplicador e que poida servir como ferramenta de capacitación) e transferibilidade (que sexa aplicable a outros contextos).
Este banco de boas prácticas é un portal dixital que busca ser un escaparate de proxectos destacados e permitirá a difusión e visibilidade internacional de iniciativas culturais do panorama galego, así como a formación, mellora da empregabilidade e recoñecemento social do sector profesional da nosa cultura.
A publicación deste proxecto está dispoñible na web boaspracticas.xestoresculturais.gal