Partillamos todas as sesións do Curso nun blog colaborativo

Hoxe estreamos o Blog colaborativo no que partillamos a experiencia do Curso de Experto en Xestión Cultural 2015/16 da USC. Estamos moi satisfeitos co alto nivel de participación desta 2ª edición, que comezamos de novo con todas as prazas ocupadas e cun perfil moi plural. Entre *s compañeir*s deste ano contamos con responsables políticos do ámbito local e autonómico, así como técnic*s de cultura, turismo, bibliotecas, festas e normalización lingüística en diferentes concellos e deputacións, ademais de estudantes, activistas e empresari*s do eido da cultura.

O artigo inaugural é un magnífico relato do noso compañeiro Xavier Campos, dende a súa experiencia persoal, sobre a sesión que o pasado vernes impartíu Eduard Miralles, responsable da política cultural da Diputació de Barcelona, e, en palabras do noso compañeiro, “cun pé na acción e no deseño de políticas desde a administración e outro na reflexión e análise do campo cultural”.

“Os seus conceptos servían, e serven, de ferramentas desde as que abrir canles de reflexión sobre o que estamos a facer e sobre como repensarmos a nosa posición en relación ao contexto. E iso, entendo, é ao final o máis importante. Calquera xestor cultural, calquera responsábel político desta área, ten, antes de calquera outra cousa, a obriga de pensar e de definir que cultura e para que sociedade.”

O Blog do Curso está dispoñible no enlace edu.xestioncultural.com/blog/

Subir