Cultura Dixital

Exploramos as posibilidades da creatividade dixital na Universidade da Coruña

30/10/2020

Unha das consecuencias da pandemia é a de tralsadar ao espazo dixital actividades que, ata o de agora, eran presenciais. Vímolo estes meses no traballo, na formación académica e tamén na formación non regrada. Ás veces porque as medidas sanitarias de prevención non permitiron o seu desenvolvemento nun espazo físico e outras veces como medida de precaución.

Nese espazo virtual vimos de pór en marcha dous obradoiros para a área de Cultura da Universidade da Coruña en relación a unha das nosas liñas de traballo, como é a da creatividade dixital. Facémolo ademais tecendo rede, en colaboración con Merenda Creativa e Gingko, dúas entidades especializadas na produción de contidos e no audiovisual como ferramenta para a educación e o cambio social.

Con elas coordinamos unha formación orientada á creación audiovisual en YouTube e outra baseada nas narrativas dixitais como ferramenta para o contradiscurso. Dúas propostas integramente en liña nas que atopamos a un grupo de persoas heteroxéneo, pero cunha cousa en común: o  interese polas posibilidades das ferramentas dixitais para desenvolver e compartir o seus proxectos.

Moitas das persoas que participaron nos cursos fixérono con propostas moi orixinais en mente. Agardamos velos pronto, xa totalmente desenvoltos, na Rede!