Da xente para a xente: Mapa dos proxectos culturais galegos de éxito

Sonia Díaz e o noso compañeiro Sergio Lago teceron no monográfico da Revista Luzes #26, de febreiro 2016, unha extensa reportaxe sobre iniciativas culturais en Galicia. Con capa de Antón Patiño, este monográfico cultural contou tamén textos de César Antonio Molina, David Lombao e Xurxo Souto.

Que significa que un proxecto cultural ten éxito? A intuición dinos que un proxecto, calquera proxecto de calquera tipo e sector, para ser exitoso ten que ter o respaldo do xente. E iso, claro, é certo. Tamén na cultura. A cultura que importa nace da xente para a xente ou, alomenos, iso pensamos os que asinamos este texto. Porén, non estamos certos de que ese respaldo da xente se deba medir, só, de xeito cuantitativo. Nin pensamos que deba ser o único factor que se teña en conta.

A intensidade da experiencia e a súa capacidade de influír na vida da xente, a identificación co territorio, co colectivo que o habita e coa historia que o envolve, a capacidade de transformación -tamén económica- persoal e colectiva, a potencia alfabetizadora e empoderadora, a sustentabilidade económica, ambiental e creativa, as posibilidades que ofrece para mellorar a autoestima e o benestar da xente, a súa contribución -en fin- ao discurso cultural global. Son moitos os criterios que se deben ter en conta á hora de trazar un posible mapa de éxitos na cultura galega. E, por iso, é tan complicado facelo ben. E tan fácil equivocarse.

Nós, dende a nosa posición no mundo en xeral e no panorama cultural galego en particular, ofrecémosvos unha das moitas fotografías posibles do éxito, neste momento e neste lugar. Unha figura con tres trazos que se xuntan e separan, que se cruzan, dialogan e se complementan: os eventos, os lugares e os colectivos culturais. Adobiamos cada un destes trazos cunha manchea de nomes propios que, agardamos, darán conta da riqueza da nosa biodiversidade cultural.

Se eres ou te fas subscritor/a de Luzes podes ler este e moitos outros artigos na súa web. Tamén, por cortesía da revista, temos dispoñible o artigo completo de Sonia e Sergio en formato pdf aquí.

 

Subir