Aprender

EdMS24 | Investigar e aprender no museo: outro tempo

Cartaz de Estratexias da Museoloxía Social EdMS24, que se celebran baizo o título "Investigar e aprender no museo: outro tempo"

Deseñamos e coordinamos esta proposta de conversa, posta en común e pensamento colectivo para a comunidade iberoamericana de aprendizaxe da Rede Museística Provincial de Lugo

Un ano máis a Rede Museística Provincial de Lugo confiounos o deseño e coordinación do seu programa de Estratexias de Museoloxía Social (#EdMS24). Nas súas dúas primeiras edicións –2022 sobre estratexias dixitais e 2023 arredor do benestar e avaliación do impacto social– contou con máis de 700 profesionais inscritas desde 35 países diferentes, na súa maioría de iberoamérica.
 

Nesta ocasión, e seguindo o lema proposto polo ICOM para o Día Internacional dos Museos, poñemos o foco na educación e a investigación no eido museístico, co tempo como fío condutor.

De aí o título escollido. Investigar e aprender no museo: outro tempo:

  1. m. Grado de celeridade na execución dunha composición musical e, por ext., dunha composición poética.
  2. m. Ritmo dunha acción.
  3. Sucesión das cousas considerada como un continuo e que se divide en intervalos regulares naturais (ciclos da lúa) ou convencionais (minutos).
 

Investigar, aprender e tempo de calidade para novas experiencias

#EdMS24 céntrase este ano en coñecer experiencias e debatir sobre educación e investigación nos museos e as condicións que  deberan darse para xerar contextos con tempo de calidade para que profesionais deste ámbito, outros axentes culturais e a propia comunidade poidan indagar, experimentar e aprender sobre as súas coleccións ou sobre as realidades sociais do territorio.

Máis alá de acumular cifras de visitas convencionais e ante a tentación de adaptarnos sempre ao que dicta o ritmo da sociedade actual, falamos da estratexia contraria: podemos e debemos ofrecer experiencias de investigación e aprendizaxe con outro tempo?

Ciclo de conversas en abril e obradoiro en setembro

Todo isto materialízase nun espazo virtual, na liña das anteriores edicións de Estratexias da Museoloxía Social. Nel, as persoas que se inscriban atoparán contidos contidos relacionados co eixo temático desta edición e acceso a un ciclo de conversas.

Este ciclo, que se desenvolverá tamén baixo o título Investigar e aprender no museo: outro tempo, ofrece a posibilidade de escoitar, inspirarse e debatir con profesionais de referencia relacionadas coa educación, a investigación e os museos e de diferentes lugares da contorna iberoamericana.

 

As profesionais convidadas ao ciclo de conversas 

  • 09/04 | Conversación #1. Rufino Ferreras (Educador de Museos e director da Área de Educación do Museo Nacional Thyssen-Bornemisza) e Chiqui González (Xestora cultural, especialista en Infancias e Museos, ex-ministra de Innovación e Cultura da provincia de Santa Fe-Arxentina). 
  • 16/04 | Conversación #2. Olaia Fontal Merillas (Directora do Observatorio de Educación Patrimonial en España -OEPE) e Nayeli Zepeda (Mediadora e investigadora – México/EEUU).
  • 23/04 | Conversación #3. Clara Boj (Artista, investigadora cultural e docente na U.P.V. Co-directora do Programa Experimental de Mediación y Educación a través del Arte Permea-Consorci de Museus de la Comunitat Valenciana y Universitat de València) e Esteban Torres Hormazábal (Xefe de Educación, Mediación e Audiencias do Museo Violeta Parra de Chile e Director de Museo de los Museos).
  • 30/04 | Conversación #4.  María Cacheda Pérez (Xestora de patrimonio cultural e educación con perspectiva feminista e inclusiva. Área de Mediación da Axencia Catalana do Patrimonio Cultural) e Johanna Palmeyro (Museóloga, curadora pedagóxica e impulsora de Movimiento Justicia Museal).


Ademais, no mes de setembro, #EdMS24 celebrará un obradoiro presencial no Pazo de Tor (Monforte). Será unha  xornada, de carácter intensivo que servirá para facer balance do escoitado, pero tamén unha reflexión crítica e traballar de xeito creativo en clave colectiva. Estará facilitado por Leonardo Casado e Violeta Bronstein.

Traballamos con:

  • Rede Museística Provincial de Lugo

Máis información en:

Queres que falemos sobre este proxecto?

Tanto se tes interese por saber máis sobre calquera detalle deste proxecto,
como se desde a túa entidade queredes coñocer as posibilidades de desenvolver proxectos similares,
consúltanos sen compromiso!

Subir