Programación cultural

Unha charla ou mesa redonda virtual

Non é unha novidade poder achegarse a unha conversa gravada en vídeo e dispoñible na rede, incluso a posibilidade de estar véndoa en tempo real (streaming). Pero no contexto galego adoita ser unha práctica complementaria á actividade presencial, pouco sistemática no seu arquivo e que, probablemente, podería divulgarse de xeito máis atractivo para o público.

Cremos que unha das responsabilidades dunha entidade sociocultural é facer accesible o coñecemento que produce. Houbo e haberá moitas causas polas que non todas as persoas interesadas poderán asistir ás nosas actividades presenciais, polo que crear e compartir un arquivo vivo resulta esencial… e tamén moi asequible, tanto polo baixo custe dun equipo audiovisual mínimo para este fin, como polas ferramentas dixitais que temos dispoñibles para divulgalo.

Outro enfoque é formular unha charla ou mesa redonda directamente para a contorna dixital, o cal require certas estratexias e ferramentas específicas, pero que tamén resulta interesante explorar. Xa antes da crise do Covid-19 outra emerxencia, a climática, cuestionaba a sustentatibilidade de desprazar centos ou miles de quilómetros a persoas para tan só unha breve charla, existindo medios tecnolóxicos alternativos.

 

Recursos e ferramentas

  • Para a gravación audiovisual dunha actividade presencial sería moi extenso abordar todas as posibilidades, pero podemos partir de algo tan básico como unha única cámara e un plano fixo. O que recomendamos coidar é o son, o gran descoidado neste tipo de experiencias. Se a charla se fai nun espazo con equipo de amplificación, é posible conectarse á mesa de son e sacar de aí o audio. Se non, debemos contar cunha microfonía mínima para recoller o audio e non confiar na recollida de son ambiente das cámaras.
  • Se a charla ou mesa redonda está pensada directamente para a participación de convidadas de xeito remoto, precisaremos dun sistema de videoconferencia.
    • A opción máis empregada nos últimos tempos é Zoom, que permite gravar a conversa e tamén ten posibilidades básicas de “realización” en directo: podemos alternar a persoa que se mostra, compartir a pantalla para mostrar diapositivas dunha presentación ou lanzar vídeos. Ademais das persoas que participan activamente na conversa, permite o visionado en directo para ata 100 persoas na modalidade gratuíta, aínda que establecen o límite de duración en 40 minutos.
    • Se optamos por outra ferramenta de videoconferencia, ademais de poder conectarse a servizos de emisión en directo, tamén existen alternativas para gravar a pantalla do ordenador, como Camstudio ou Screen Recorder.
  • A retransmisión para público pode ser en directo, ben directamente en Zoom como acabamos de comentar ou ben empregando outras plataformas, como por exemplo YouTube Live. Este servizo ofrece unha ampla sección de recomendacións para emitir en directo aquí.
  • En ambos casos, podemos trasladar a clásica “quenda de preguntas” a través do sistema de comentarios. Os directos despois poden conservarse na nosa canle para que calquera poida visionalos.
  • Outra opción é gravar a charla e emitila a posteriori. Neste caso, teremos marxe para editar a gravación. Contamos para iso con ferramentas como Shotcut, Openshot ou Premiere Rush. Algunhas plataformas de aloxamento de vídeos, como YouTube, ofrecen tamén ferramentas de edición propias.
  • Para compartir o vídeo na Rede, poderemos facelo directamente na nosa web, aínda que moitos aloxamentos web teñen limitada a transferencia de datos (e os vídeos adoitan ser pesados). Por iso, e polas facilidades para a súa difusión posterior, é máis recomendable aloxalos nunha conta de YouTube ou Vimeo. Tamén podemos subilos directamente a algunhas redes sociais como Facebook ou Instagram, que para contidos de longa duración ofrece IGTV, da que tes información aquí.
  • Unha opción interesante para a súa emisión en diferido é empregar as estreas de YouTube , na que poderiamos interactuar a través do sistema de comentarios, sempre que a audiencia sexa limitada.
  • Ademais da súa divulgación na Rede, recomendamos pensar tamén na preservación e posibles usos futuros, polo que deberamos gardar sempre unha copia coa calidade orixinal. Ademais, é recomendable facilitar outra copia a arquivos que poidan preservalos, da nosa contorna ou globais, como Internet Archive.
  • Por último, sinalar que, á hora de compartir un contido, debemos definir como permitimos o seu uso e difusión posterior por parte de terceiros. Salvo que exista algunha limitación por parte das participantes, cremos que en entidades socio-culturais deberan empregarse sempre licenzas libres. Nós, por exemplo, compartimos os contidos desta web baixo esta licenza Creative Commons (como tamén podedes ver na icona do fondo da páxina). Podedes atopar moita información na Rede sobre distintos tipos de licenzas e como aplicalas, como por exemplo esta charla.

 

Algúns exemplos

  • Hai multitude de contidos deste tipo na Rede, pero aínda así estamos a recompilar casos de bo uso por parte de entidades próximas. Se queres suxerirnos algún, escríbenos 😉
  • O Consello da Cultura Galega é un exemplo de entidade que dende hai tempo segue un criterio sistemático e riguroso de gravación e arquivo das súas charlas. Un exemplo é o ciclo en liña Os Xoves (RE)PENSAMOS, que veñen de re-activar aproveitando o seu arquivo. Parécenos interesante o ben documentada que está cada charla, cunha ficha técnica, biografías, materiais e publicacións complementarias ou resumo de prensa, ademais do propio contido audiovisual. Documentación que na xestión cultural manexamos na preparación ou memorias das nosas actividades, pero que non sempre poñemos a disposición do público.
  • Desde o programa municipal Coruña Dixital tamén se fai un esforzo por compartir as gravacións de moitas das sesión panorámicas sobre tecnoloxía e cultura dixital, do que temos moitos exemplos na nosa web.

Comparte a túa achega! (Atención: O teu comentario publicarase despois da súa revisión manual / O correo electrónico pídese para evitar SPAM pero nin o utilizaremos, nin será visible para outros visitantes)

*