Festas e eventos

A festa dos Maios

Foto de A.C. Castinheiro Milenario en flickr.com/photos/castinheiromilenario/14443625805 (baixo licenza CC BY-NC-SA 2.0)

A chegada da primavera supón o comezo da temporada de festas: tradicionais, populares, patronais… de maio a setembro, o calendario está cheo de citas que, neste 2020, deberán ser adiadas, reformuladas, ou mesmo anuladas, a causa das medidas sanitarias para conter o Covid-19.

O punto de partida deste calendario son Os Maios: unha festa tradicional especialmente arraigada nalgunhas zonas de Galicia, onde é impensable non celebrar esta festa que normalmente enchería as rúas de esculturas vexetais, coplas e xente.

Este ano, en moitas cidades e vilas galegas a festa será nos balcóns, fiestras e terrazas.  Pero tamén nas redes 😉

 

Recursos e ferramentas

  • Do mesmo xeito que unha festa adoita ter unha imaxe ou un lema, debemos crear o noso propio reclamo: un hashtag ou etiqueta que identifique plenamente a nosa iniciativa. Ademais, podemos empregar outras etiquetas que se empreguen de maneira xenérica, que neste caso poderían ser #Maios ou #OsMaios. A través deles, a xente poderá “asistir” á festa e participar nela, neste caso aportando material audiovisual de maios e coplas:
    • Quen o lance pode dar unhas pautas iniciais para que os contidos compartan uns mínimos criterios e formato común (como este exemplo).
    • Despois, a publicación de contidos pode ser ou ben de xeito coordinado nunha única conta -que recibe de xeito privado os contidos e pode editalos e redistribuílos- ou ben que cada persoa poida publicar directamente o contido na súa conta, simplemente empregando a nosa etiquetae as etiquetas comúns.
  • Hai que poñer en marcha as redes sociais, que serán importantísimas para a celebración destes “Maios dixitais”:
    • Facebook pode ser a máis diversa, aínda que con menor presencia activa de menores de 30 anos.
    • Twitter, onde a participación ten carácter inmediato e onde se visibilizan mellor as etiquetas.
    • Instagram a que actualmente acolle a máis xente activa, especialmente menor de 40 anos.
    • A xente máis moza está migrando a outras plataformas máis novedosas, como Tik Tok.
  • Non é obrigatorio, pero para completar a proposta pódese crear un espazo en liña coa información esencial e os enlaces precisos e que, tralo evento, recolla todas as aportacións:
    • Pode ser unha publicación na web da nosa entidade ou unha nova web, específica para a iniciativa, con ferramentas gratuítas como WordPress.
    • Tamén pode crearse unha páxina de Facebook como punto de referencia de información. Pode activarse seguindo as indicacións da axuda de facebook.

 

Algúns exemplos

  • Unha das primeiras iniciativas que xurdiron é #CantádemeUnMaio (Twitter, Facebook, Instagram), posta en marcha por colectivos culturais vinculados na súa meirande parte á cidade de Ourense, aínda que tamén co apoio de colectivos e entidades doutras localidades galegas. A través das redes sociais, piden enviar maios e coplas feitos na casa para levar a festa ao espazo dixital durante todo o día 3 de maio . Tedes máis información na web da iniciativa, á que podedes acceder desde aquí.
  • As redes sociais están a recoller moitas iniciativas dirixidas a celebrar Os Maios nas casas convertindo balcóns e terrazas en escaparate da festa e a contribuír con fotos e vídeos á creación de repositorios, como é o caso de  En Narón, Os Maios ao balcón.
  • Podedes atopar as iniciativas dos distintos concellos e entidades baixo as etiquetas #Maios ou #OsMaios (Twitter, Facebook, Instagram).

 

 

Foto de A.C. Castinheiro Milenario en flickr.com/photos/castinheiromilenario/14443625805 (baixo licenza CC BY-NC-SA 2.0)

Comparte a túa achega! (Atención: O teu comentario publicarase despois da súa revisión manual / O correo electrónico pídese para evitar SPAM pero nin o utilizaremos, nin será visible para outros visitantes)

*