Programación cultural

Unha programación cultural en liña

Se algo caracteriza estes días é a inxente oferta cultural e educativa gratuíta que está a dispoñibilizarse na rede, á que habería que sumar todo o que a industria cultural e creativa distribúe por distintas canles, tanto as de pago como as baseadas en modelos soportados por publicidade (e polos nosos datos). Tamén debemos contar coa creatividade colectiva, en forma de contidos amadores e informais, que circulan por redes sociais.

Polo tanto, cremos que o traballo principal dunha entidade cultural nestes días non debera ser necesariamente crear máis contidos, senón buscar, filtrar e seleccionar parte desa oferta. Tamén poñer en valor o seu propio arquivo, especialmente o audiovisual. É dicir, adoptar un rol de “comisariado” e acompañamento, á que podemos sumar a posibilidade de abrir conversas cos nosos públicos ou incluso animar a crear ou remesturar contidos colectivamente.

 

Recursos e ferramentas

  • Con respecto á selección de contidos, existen moitas posibilidades, pero por mencionar as máis habituais:
    • Se a orixe é o noso arquivo, tan só debera revisarse que contamos con autorización para a súa comunicación pública no caso de que se trate de obras de terceiros.
    • Poden ser tamén propostas que as creadoras xa teñan compartido directamente, tanto nas súas redes sociais como por exemplo en plataformas audiovisuais como Vimeo ou YouTube. Neste caso,non sería preciso solicitar permiso previo, aínda que a efectos de difusión, contactar con elas ou polo menos mencionalas ao compartir sería moi recomendable.
    • En caso de tratarse de contidos inéditos de terceiros ou non dispoñibles de xeito aberto previamente, debera revisarse que partes teñen dereitos e ter acordado os termos da difusión.
  • O principal será poder deseñar unha programación coherente, en liña cos obxectivos e misión da nosa entidade, para compartir estes contidos de xeito estruturado e ordenado:
    • Pensar nun nome e deseñar unha imaxe para cada un dos fíos de programación, como fariamos con calquera ciclo ou tempada de programación presencial.
    • Aínda que moitos contidos xa estean dispoñibles ou poidan verse a posteriori, é positivo establecer unha cita regular de “estrea” ou simplemente na que compartamos o contido. Cada día ou en días determinados, pero sobre todo a unhas horas concretas, para xerar hábito nas persoas destinatarias. Este consello é especialmente relevante se imos a ofrecer experiencias na que o directo é relevante, pero tamén se nos decantamos por pouco contido pero coidado, tanto na selección como nos extras adicionais que poidamos ofrecer: contexto, información didáctica, etc.
    • Outra opción pode ser adicar un día enteiro a un tema ou artista concreto, publicando contidos ao longo do día.
  • Unha vez teñamos definida a programación, temos que anunciala, como calquera outra presencial. Partiremos da base de que temos xa un grupo de usuarios e usuarias previo, tamén de canles para comunicarnos con esta audiencia, como redes sociais activas, canles de mensaxería (Whatsapp, Telegram, etc) ou listas de correo (por exemplo con MailChimp).
  • Unha ferramenta interesante para crear cada cita sería o evento en facebook, unha canle que reúne:
    • A posibilidade de convocar un evento virtual, con sistema de convites e de difusión moi sinxelos.
    • Cunha sección de “debate” no propio evento, na que podemos compartir información e extras, ademais de enlazar para visionar o contido de estrea.
    • E tamén podemos xerar conversa durante o evento a través do sistema de comentarios.
    • Pode activarse seguindo as indicacións da axuda de facebook. É recomendable activar a moderación de publicacións de participantes.
  • Á hora da publicación do contido, a opción máis sinxela é compartilo, no día e hora que tiveramos anunciado, nas redes sociais que teñamos activas, directamente ou enlazando a plataformas audiovisuais como Vimeo ou YouTube.
  • Se o queremos formular como unha emisión ao vivo, onde a interacción das persoas tamén poida ser nesa lóxica de “ver algo xuntas”, contamos con distintas alternativas:
    • Para contido audiovisual, as estreas de YouTube ou a opción de YouTube Live permiten de xeito sinxelo chegar á túa audiencia en tempo real. Ademais de poder activar os comentarios, cos que poder interactuar.
    • Unha alternativa a explorar en Facebook sería a opción de vídeos en grupo en tempo real. O vídeo debera estar subido previamente na túa páxina, aínda que podes telo en privado e facelo público xusto antes de compartilo. Pensado inicialmente para ver contidos cun grupo limitado de amigos, pode habilitarse tamén dende unha páxina de facebook da entidade ou crear un grupo só para o ciclo. Tes toda a información na súa axuda.
    • Para contidos de longa duración, Instagram ofrece IGTV, da que tes información aquí.
    • Os directos de Instagram son unha opción de Instagram Stories, onde podes ver os comentarios que as persoas che deixan en tempo real, polo que é interesante se queres ter un diálogo co público asistente. Ten a opción de manter ese contido durante 24 horas no perfil. Están pensados para contido xerado en directo, non gravado previamente, aínda que tamén poderás insertar fotos e vídeos do teu dispositivo. Ten bo posicionamento nesta rede, xa que cando alguén retransmite en directo é a primera historia que aparece visible na barra superior da aplicación. Tes toda a información na axuda da aplicación.
    • Xa para grupos máis pequenos, ferramentas de videochamada grupal como Zoom poden permitirnos facelo. Neste caso, a persoa que lanza o contido pode empregar a opción de compartir pantalla. Zoom acolle ata 100 persoas na modalidade gratuita, aínda que establecen o límite de duración a 40 minutos. Ten versión app móbil e de escritorio. Require rexistro previo.

 

Algúns exemplos

  • Estamos a recompilar proxectos de programación inspiradores, se coñeces algún escríbenos 😉
  • O Salón Internacional do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra adaptou a súa programación á corentena, xerando unha nova fórmula: o Salón Virtual do Libro, que pechou cuns altísimos índices de interación:
    • Programaron actividades nas súas redes sociais, dende o peche pola corentena (a mediados de marzo) do Salón do Libro presencial, ata o 17 de maio.
    • Eran obradoiros, exposicións virtuais e contacontos que estaban na súa meirande parte programados xa na versión presencial.
    • A maiores houbo propostas contratadas expresamente para a versión dixital, como un espectáculo no Día Mundial da Danza ou o concerto de clausura de RockLab.
    • Foi a edición máis longa do Salón do Libro, que tiña previsto inicialmente o seu peche o 28 de marzo.
  • No Museo do Pobo Galego desenvolveron unha programación audiovisual alternativa ao MICE:
    • Activaron MICE en liña durante a última semana de marzo, cando debera terse celebrado a súa 15 Mostra Internacional de Cinema Etnográfico, aprazada agora ata setembro de 2020. Na súa canle de VIMEO foron subindo cada dous días algunhas das películas que pasaron por edicións anteriores.
    • Tamén ofreceron en Youtube MICEpetís en liña, unha selección de curtas de animación a cargo de Marcos Nine, director de Cinema Crianza.
    • E incluíron un obradoiro de xoguetes ópticos para público infantil e familiar, ademais de lecturas seleccionadas arredor do cinema etnográfico.

Comparte a túa achega! (Atención: O teu comentario publicarase despois da súa revisión manual / O correo electrónico pídese para evitar SPAM pero nin o utilizaremos, nin será visible para outros visitantes)

*